Apocalipse do porco

30 abril 2006

Partido en Riazor

Como xa saben os que me coñecen, non son "fuboleiro". Porén, son celtista.

Por iso, cando chegou o partido co Deportivo pregunteille a un coñecido se tiña sitio no seu palco para onte.

Xa saberedes que o partido rematou 0-2, o Celta, ainda que na primeira parte xogou bastante mal, tivo a sorte de cara e marchou para casa cos 3 puntos.

Eu quedei encantado co resultado e tamén ca experiencia do palco.
Ver o partido nun asento cómodo , cando eu estiven 10 anos de neno sentando no cimento en Balaidos, foi un bo cambio.
Tiña ós celtarras case enriba de min, e sentíame como na casa. Dicir que os deportivistas cos que vin o partido foron moi agarimosos (pouco se puideron meter comigo no medio tempo, que xa gañaba o Celta). Ainda así contivenme bastante, non celebrei os goles.

A sensación mais estrana, foi polo camiño ó estadio, só arrodeado de deportivistas, cas súas camisolas, non era medo, pero foi unha sensación rara, como de estar fora de lugar.

A segunda foto é do pasillo de entrada ós palcos, téñeno montado a todo trapo, con azafatas e todo. Mágoa que, o ano que ven xa ameazaron con non convidarme, seica non lles trouxen sorte. (sempre andan dicindo pro ano que ven, e chega outro ano e pasa tamén)
E coma sempre, o de sempre...

29 abril 2006

Equipa presidencial de rezo

As novas na rede móvense en ondas. Xa era sabido.
Onte, via IM, o amigo Voloi mandoume unha ligazón ó meneame (xa sabedes, como o Chuza! en castelán) para unha historia que falaba do Linux, esa ameaza para o Grande Imperio, xa traducida ó castelán. Hoxe, á mañá, antes ainda de que eu a traducira ó galego, atópoa no blogue Estrela Negra, (un choio menos para min).

Non penso que sexa un fraude, porque vendo a páxina do tal turned-off-brain-Shelley, atopo outra xoias similares. Non me vou parar no marabilloso comentario sobre sexo oral (Oral sex: Moral Decay) que ben lle chega, prefiro falárvos do rezo organizado.

Á fin, xa sabemos porque os EU son o maior imperio do mundo: A Equipa presidencial de rezo.

Nun pais tan relixioso coma os EU, non podían desbotar unha parte tan importante do seu potencial, e teñen organizado o rezo "Mobilizando millóns de americanos para rezar a cotio polo Presidente, os nosos Líderes, a Nazón e as nosas Forzas Armadas"

Mesmo teñen merchandising para apoiar a equipa, ainda que isto non é nada novo. A miña aboa trouxerame un ladrillo pequeniño no que se lía: en Fatima recei por ti.

Nesta fotografía podedes ver ó noso Líder Mundial. Semella que está a pedir desculpas, eles puxeron a foto como se estivera a rezar. A verdade, eu penso que esta foto é coma aquela de Fraga na que aparecía a durmir no Parlamento. ¡Moito descanso precisan os grandes líderes mundiais!


Mais nada, irmáns.
Que Deus vos bendiga, e tereivos presentes nas miñas oracións.

28 abril 2006

Indefensión

Esta é a imaxe da indefensión.

Unha imaxe, na rua, á vista de todo o que por alí pase.

Neste caso trátase dunha tenda de fotos en O Grove, que ten, coma tantas outras, o costume de expoñer o seu traballo.

¿Que culpa terá este rapaciño para que todo o mundo o poida ver?

Que o vexan na rede tanto terá, que ninguén o coñece. ¿Pero na súa vila?

Eu teño tamén algún recordatorio gardado na casa dos meus pais, sorrindo cun dente fanado, e fotos en Castrelos con cara de andar encabuxado. (Home, eu quería ir xogar cos amigos e tiña que estar facendo fotos. ¡Xa me diredes!)

Pero este neno, con esa pose de ...¿latin christian lover? ¿mariñeiro ligón? ¿precoz pederasta relixioso?

¡O que tal faria este rapaz noutra vida para merecer isto!

Voulle recomendar ó rapaciño unha ligazón.

27 abril 2006

Converxencia e competitividade.

Uns anos xa, levamos metidos na lea da converxencia co resto da Unión Europea. Decote se nos ven dicindo que os salarios non deben medrar do xeito que medra o IPC para non perxudicar á competitividade. Apélase ó compromiso dos traballadores co futuro do país

Todo isto estaría moi ben, mais...

A única competitividade que demostran os nosos políticos é no tema da corrupción, nomeadamente no exemplo de Marbella (por non vir mais preto).

Se eu dixera que algún politico é un corrupto sen ter probas, tería moitas probabilidades de ser xulgado (con razón, que para iso está o Estado de Dereito).
Se un diputado ou un senador dixera o mesmo de min, tería moitas probabilidades de non ser xulgado (con razón, para protexer a súa condición de voz do Pobo e a súa dignidade como tal).

¿Con razón? ¿Dignidade? ¿Voz do Pobo?

É demagóxico dicir que os políticos son todos uns chupóns.

Non é demagóxico dicir que O SENADO NON VALE PARA NADA.

Non é demagóxico dicir que CADA PESO GASTADO NO SOLDO DOS SENADORES É UN PESO ESTRAGADO.

¿Con que cara vai vir ningún senador do PSOE a pedir o voto nas vindeiras eleccións?

¿Que competitividade é esa de marchar do traballo para ir á casa para ver o futbol?

¿É demagóxico pedir unha sanción para eses informais?

Desculpade que me poña serio, pero, xusto antes da campaña da Renda, que estes chupóns fagan isto é unha chamada á insumisión fiscal.

Non importou o que votara a xente nas ultimas eleccións, na votación do Senado, onte algúns senadores do PSOE marcharon para casa e o PP gañou a votación. Como o Senado non vale nin para (poñede aquí o que queirades) todo se arranxará sen problemas no Congreso.

Repito, CADA PESO GASTADO NO SENADO ESTABA MELLOR GASTADO POR EXEMPLO EN PAGARLLE A CASA Ó PRINCIPE por dicir algo REALMENTE útil.

Xa está, tiña que dicilo.

26 abril 2006

Mais V

Eu tamén fun ver V esta fin de semán. Aproveitei que a pasaba en Vigo para ir ó cine, entre outros, con Turuto.

Gustoume. É certo que xa van moitos anos que lin a obra orixinal, (agora contarei cantos) pero polo que eu lembro, a mensaxe está mais preto do que eu agardaba dos Wachowski.

Lera V hai 15 anos, cando estaba estudando COU. E no mesmo ano tamén lin Watchmen. Fun beneficiario da "Beca Turuto para o desfrute da Banda Deseñada".

No entroido, como bos frikis, disfarzámonos de V. Estáme mal o dicilo, pero estaba bastante ben feito, ainda que a única imaxe existente non faga xustiza.


Puxemos o traxe dúas veces, pero á segunda volta, como xa sabian que eramos nos , puxemos por baixo este outro disfarce: o de Rorschach, a personaxe de Watchmen.

Algún dirá que somos moi frikis. Non llo vou negar, somos bastante esaxerados.

O pior, é que o traxe de V o levaba tamén outro que viña con nos, e non lle dixéramos que levábamos o de Rorschach debaixo. Si, tamén é verdade: somos un par de rabudos.

Houbo só unha persoa entre a xente que atopamos, unha rapaza, que recoñecera as persoaxes. E claro, soubo que os Rorschach eramos os mesmos que antes eramos V. ¡Case tan friki coma nos!

25 abril 2006

Чернобыль: Chernobil


Mañá fan 20 anos do accidente de Chernobil.

Non vou falar da enerxía nuclear, porque é un tema no que o meu descoñecemento podería encher océanos, pero quero lembrar ós herois de Chernobil.

Despois do 11 de setembro (o do 2001, non o do 1973) os medios americanos, e do resto do mundo, fixeron unha louvanza extrema dos bombeiros de Nova York. Tiñan razóns, eles e moita mais xente arriscou a súa vida desinteresadamente.



¿E os bombeiros de Chernobil? Poucas veces vin na televisión que se falara desta xente, e mais dos "liquidadores", a xente que limpou a zona e construíu o sarcófago. Dos bombeiros non veredes fotos actuais, morreron todos. Dos liquidadores, non sei se algún non ten cancro, moi sano non debeu ser facer ese traballo.

Seica non lles contaron o perigo real do que estaban a facer, (non lles contaron que iban morrer todos, vaia) pero supoño que saberían que era algo moi perigoso. Un deles contaba que sentira un gosto a metal e como unha chea de agullas na cara. Con menos diso, na marvel facían un superheroi. ¿Que faríades vos no seu caso? ¿Subiríades ó alto da central para tentar apagar o lume? A ninguén se lle pode obrigar a tanto sacrificio. (E pensade que esta xente con cría nunha vida alén da morte)

Esta foto pequena é dun monumento ás vitimas da traxedia.

Grândola

Hai xa moitos anos, un profesor, do que non teño moi clara a súa filiación ideolóxica, nunha clase de galego en 7º da EXB puxo, nun magnetofono, "Grândola, vila morena". Non foi un momento máxico, nin parvadas disas, pero si quedoume marcada a data e mais a canción. É o aquel que teñen as revolucións incruentas.

Durante un tempo, non preguntedes o porqué, dábame por cantar esa canción cando tiña que camiñar baixo a choiva. (Ollo, non cantaba antes de que comezara a chover, e cantaba baixiño, así que non era o culpable de que chovera). Supoño que poñerlle letra e música á democracia e á igualdade non é tan doado, se fora, todo o mundo podería facelo.

Grazas Zeca, onde esteas.

24 abril 2006

Creativos Comodóns


Podedes chamarlle se queredes homenaxe ou podedes chamarlle outra cousa, eu vou chamalo: CREATIVE COMMODONS que semella o Creative Commons pero non é o mesmo.

Fusilar así unha imaxe, sen atribución nengunha da idea orixinal, é bastante común na publicidad, pero é botarlle algo de cara. ¿Que opinades vos?

A imaxe publicitaria é da empresa Broker's Finance a outra, xa vedes que é da edición española dos Jovenes Titanes, non a sigo, así que non vos podo dar opinión dela, abofé Zeke poderá contarvos algo dela.

23 abril 2006

Extrarradio

Hoxe, viña no coche oíndo o Extrarradio e entereime do tremor.

Non me enterara porque esta noite paseina en Vigo, pero seica oiuse un estoupido coma un trebón.

Tamén contaron que houbo unha olimpiada de porcos en Moscova, e andiven na percura desta nova na rede pero non puiden atopala. Seica os xogos incluían carreiras a pe(zuño) e a nado e futbol (ca pelota mollada en aceite de peixe).

Non dixeron se os porcos tiñan que pasar control anti-dopaxe, mais si dixeron que os deporcotistas non serían destinados ó consumo humán.

¿Para cando as PorcOlimpiadas pasarán a ser de interese xeral?

Recomendovos que escoitedes Extrarradio se podedes, os sabados e domingos á mañá. É unha boa mostra da "nova" Radio Galega.
Comprendo ben ós que non a escoitan, pero se probades, penso que repetiredes. Hai novos programas, dos que me cadren a min (normalmente no coche) tamén aberto por reformas e as quimbambas.

Extrarradio está presentado por Belén Regueira, que lembraredes se seguíades o Chambo, e ultimamente andaba nos informativos da TVG. Entre os colaboradores habituais está Martin Pawley, que xa todos saberedes que levou o premio do periódico 20 minutos ó "mellor blogue nunha lingua constitucional distinta do castelán". No seu blogue comenta do programa deste sábado

22 abril 2006

Outra foto da meniña


Onte xa coñecín á miña nova sobriña Irene.

Deixo unha nova foto que lle fai mas xustiza. está ca súa irmá María, ainda que a difuminei para que non a paredes na rua.

É ainda mais bonita do que semella na foto. A outra non a vedes ben, pero tamén é. Teño que dicir o mesmo das outras dúas. Non as poño porque xa son maiores e teñen a súa vida.
(É tan dura a vida dos adolescentes)

21 abril 2006

o domingo é 23 de abril

Lembro, lendo o blogue de torredebabel, que o domingo é o dia do libro. Xa tamén avisaran Eva e Melo .

Os que me coñecen de mais lonxe, a miña familia, tíñanme de neno polo que chaman un rato de biblioteca. Foi se cadra a primeira manifestación da miña intensidade compulsiva (a ultima seica é este blogue).

Cando estaba a ler botábame días enteiros sen facer outra cousa, sen sair da casa. Sentaba polos sofás da casa, pasaba dun cuarto a outro tirábame no chan, deitábame na cama. Puña música, a quitaba. Queimaba as pestanas, pero mataba ó libro polo camiño. Se cadra é unha consecuencia da miña curiosidade: ¿que pasa despois? ¿como remata o tema? Tampouco o remate me chegaba, quedaba cunha saudade por perder a compaña do libro que matara, de aí me ven, supoño, o gusto polas series de libros, que rematan e voltan comezar.

Por isto, o día do libro, cos seus descontos nas librerías, era un día grande para min. Saía a rua e revolvía os anaqueis das librerías, sen falar con ninguén na percura dalgún tesouro agochado.

Este é un costume que perdín, pero seica esta fin de semán mercarei algo de Banda Deseñada en BD! a ver se volto ós vellos costumes.

A foto é unha parte da miña libraría adicada á banda deseñada.(moito medrou este ano)

Recomédovos, se non é o voso costume que lle fagades gasto ós libreiros que perden de descansar por vos vender algo de cultura. E lembrade que mercar nas librerías tradicionais favorece á pluralidade e a non concentración das canles de distribuzón. Só por poñer un exemplo, lembrade o que pasaba en Galicia na dictadura, e como os libro seguían chegando ó que estaba interesado, ainda que fora ás agachadas. (Pero isto é tema para outro día)

20 abril 2006

Quen é quen no blogomillo

Onte, mentras moitos blogueiros galegos pasaban o día xuntos en compostela no enblogs, eu estiven tentando achegarme pola rede ó que alí pasaba.

Non era bo momento, hoxe si que o puiden facer no blogue de Calidonia, que fixo unha estupenda crónica, e no flickr deixaron fotos, se as queredes ver.

Engado iso despois de ler no blogue de Brétemas que Arvpart recolleu as ligazóns a varias crónicas do acontecimento.

Porén, si que estiven vendo parte dos contidos, nomeadamente o estudo do grupo de investigación da USC de novos medios, podedes atopar ligazóns ó estudo completo e mais ó grupo no blogue do enblogs

Pareceume moi interesante, ainda que supoño que non todo o mundo opinará o mesmo.

A única queixa, que non é unha queixa, está na materia prima, no universo escollido.

Entendo as limitacións técnicas e mesmo persoais e de medios que impiden unha maior extensión do mesmo, pero así o estudo limítase a un grupo bastante homoxeneo, especialmente no tema ideolóxico. É un estudo do blogomillo e non da blogosfera galega. Non é unha cousa que se agoche, e mesmo se menciona no propio informe, non estou a falar mal deles, só me estou a laiar de que non sexa posible, cos medios actuais, un estudo mais ambicioso. Ademais, se tentaran estudiar mais blogues, se cadra, a caducidade dos datos (cun crecemento virulento dos blogues en todo o mundo, e tamén en Galicia) os deixaría fora de xogo.

Ainda así parabéns polo traballo.

19 abril 2006

Versión en galego, ¡XA!

Hoxe no blogue de Hidrocube, atopei esta xoia musical.



Despois de vela, reparade como chisca o ollo esta rapaza cando di "lo otro".

¿Será que eu, como din na serie Los Serrano, teño a mirada suxa?

O video, ainda que o poida parecer, non está feito con finalidade humorística(?) e orixinalmente está sacado da páxina no mires mtv
Recoméndovos que entredes para pasar un bo rato, quero dicir, para que meditedes, mozos e mozas.


Mágoa que no meu tempo non houbera cancións fermosas coma esta para nos arredar de "lo otro".

Propoño ó Leo para facer unha versión en galego, é xustiño o seu estilo. (por dicir algún, moitos poderían facela)

Xa está aquí

Hoxe, ás nove...

¡Xa naceu a miña sobriña Irene!

E viña con moita presa, ainda faltaban 2 semáns para que saira de contas e velaí, 3,750Kg.

O seu pai di que é preciosa. Podedes opinar vos mesmos. A foto é do telefono do pai.


Comparade a foto á hora e media, acabada de nacer, ca ecografía que lle fixeran o 24 de marzo.

Parécese mais do que eu esperara e ollade que o xeito de poñer a man é o mesmo nas dúas imaxes. (Xa se está a protexer das fotos).

Esta fin de semán coñecereina. ¡Non me corre o tempo!

18 abril 2006

Envexa


Mañá, como cada día irei traballar.

E,mentres en Compostela...

Que pasa, ¿neste pais non se traballa, ou?

É o que técnicamente ten o nome de envexa...

e ademais envexa podre.

cambios na Blogaliza.org

Desde hoxe, os blogalegos xa poden aloxar os seus blogues na blogaliza.org, pode ser que acabe traballando no apocalipsedoporco.blogaliza.org polo de agora non, ainda teño que lle coller o xeito ó wordpress. Se decido trocar o enderezo espero que sexa xa o definitivo, alomenos por unha tempada, que xa sería o terceiro enderezo en seis meses.


Esto de aqui abaixo é só unha imaxe, pero se premedes nela iredes parar á Blogaliza. Boa viaxe.



17 abril 2006

Craig McCracken

Hoxe vou falar de Craig McCracken, é o creador das "Super Nenas" e mais da "Casa para amigos imaxinarios da señora Foster" as dúas series son para nenos, pero non trata ós nenos coma se foran parvos, son divertidas e teñen unha imaxe moi atractiva, a consecuencia de todo iso gustan tamén ós maiores.

O ano pasado descubrín no Cartoon Network a Foster's que agora poñen na Cuatro e encantoume.

O Bloo é tan rabudo como boiñas son as super nenas (agás cactus, pero ainda así non é revirada).

Deixovos aquí unha ligazon a unha entrevista co Craig, un xogo de damas con Bloo e o seu amigo Mac e aquí abaixo un pequeno anuncio da serie (en inglés, non atopei nada no YouTube en castelán, ainda que tampouco busquei moito) Se vos gustan, podedes velos ás fins de semán á mañán na Cuatro ou no Cartoon Network para os que o teñan.

16 abril 2006

Cousas de nenos

Durante a semán pasada, lin este libro de banda deseñada, que me recomendara Melo (ainda que mo regalaron por facer anos).

Conta unha historia sobre sindicalismo católico no agro francés.

Xa sei que estaredes pensando: ¡Uau, Ghanito, que emocionante! ¿E hai moito sangue? ¿Cando aparece Superman?

Para os que leran algunha vez banda deseñada adulta pódelles parecer atractivo ou non (a historia está moi ben, ainda que a resumira así para resultar chocante) pero para os que asocien a banda deseñada ca dirixida ós nenos ou ós adolescentes pareceralles raro.

Ainda que os afeccionados moitas veces semellen nenos que non medraron, moitas das mellores creacións de banda deseñada van dirixidas ó publico adulto.

Este é o caso de Les Mauvaises Gens de Etienne Davodeau publicado (moi ben ainda que Alvaro Pons queixase da tradución, e seica ten razón) por Ponent mon en castelán como La mala gente.

Unha boa oportunidade para o que lle guste a arte social, de descubrir que a banda deseñada non é só para nenos.

15 abril 2006

Darth Vader e os seus problemas ca policía

Na casa de Turuto, despois da (moi sabrosa) tarta de chocolate e laranxa de Vilas estivemos a rir un cacho con este video do Darth Vader. Sacámolo direito do YouTube, pero seica está tamén en El Rellano.

Non riades moi alto se estades no traballo.

14 abril 2006

Duelo de chefs


Hoxe, en Narvia, gran duelo de chefs.

Enfrontase Vilas, pero non da familia de cociñeiros de sona, senon dos Vilas' Pipol, con Almu.

Ainda que, á fin todo queda nunha colaborazón, e non hai gañador e perdedor.

Dicir que Vilas foi o cociñeiro persoal dos Prodigy cando estiveron por aquí. Hoxe probaremos o mesmo pastel que lles fixera a eles. Xa vos contarei.

A terceira na foto é Yosi, dos Vilas' Pipol

Tarefas pendentes

Os que sigan o que aqui poño, decataríanse de que onte non puxen nada. Xoves santo. Había que descansar. Mais ben o que pasou é que estaba lonxe da conexión á rede.

Hoxe, ocupándolle a casa ó Turuto conéctome un segundo para poñerme ó día...

Primeiro, solidaridade cos embaixadores galegos no estranxeiro, que non fan ferias estes días. Outras cousas boas terédes, ¿non sí? Como dirían os meus xefes cando non me dan o incentivo anual, xa tendes fillos e iso é un premio ainda maior. (Eles non din nada dos fillos, pero a idea ven sendo a mesma)

Segundo, dicirlle ó Acedre que penso que a NASA si chegou á Lua. Pero non só grazas ós Americanos, lembrade que os responsables dos propulsores eran Wernher Von Braun e a súa forma de traballar era perfeccionista ate o aborrecimento, probaban cada fase antes de empezar a seguinte, por non falar da súa disciplina (¿nazi?).

E terceiro, para rematar porei unha foto mais clara da persoaxe que noutra mensaxe anterior non conseguíades adiviñar ainda que supoño que nenodanorita non o dixo porque non quixo.

É Manuel Baltar, parlamentario populer galego e blogueiro (que non bloqueiro)

Puxen esta foto porque as mesas dos maristas de Ourense son iguais cas de Vigo que eu vivín catro anos.

12 abril 2006

Юрий Алексеевич Гагарин

Hoxe cúmplense 45 anos do día no que Iuri Gagarin saiu da Terra para dar unha volta, ascendeu ó ceo e chegou á fama absoluta. Era, nos paises do leste tan popular coma no oeste foi Neil Armstrong, porén a historia de Gagarín acaba tráxicamente no ano 1968, ó estrelarse o Mig-15 que pilotaba.

A resultas da guerra fría, Gagarin non é tan lembrado no oeste como debería o primeiro cosmonauta. De feito, na Wikipedia galega non aparece cun artigo de seu, como si aparece Armstrong.

Dito isto, falar de Vladimir Sergeyevich Ilyushin, que seica din que saíu ó espacio 5 días antes, o 7 de abril pero non lle deron publicidade porque a súa nave fallou e aterrou en China, onde o retiveron un ano. Para evitar a vergoña internacional, condenaron a este outro home ó anonimato.

11 abril 2006

Coherencia

A Xerarquía da Igrexa Católica, na persoa do bispo de ourense, laiouse de que o Partido Popular apoiara a voda do seu membro José Araujo ca súa parella Nino.

Dixo, mesmo, que a cerimonia entristeceu e conmocionou ós católicos.

E digo eu...¿a que católicos?

tamén advertiu aos dirixentes políticos que se declaran cristiáns da súa obriga de "non asumir propostas" que contradigan a doutrina da Igrexa. "O contrario sería, entre outras consecuencias, causa de grave escándalo"

E digo eu...¿escandalo para quen?

Por outra banda, a conferencia episcopal, ve a España sumida nun exasperado pansexualismo

E digo eu... Pansexualismo tes ti, meu.

Ó único que lle adican na Igrexa (e falo da súa xerarquía) as súas preocupacións son ós temas sexuais.

¿Non é a cobiza un pecado capital? ¿non é mais doado que un camelo pase polo ollo dunha agulla que un rico entre no ceo? E logo, ¿proibiu o Vaticano que os curas tiveran posesións materiais? Non, proibiu os homosexuais. Xa sei que é demagóxico, pero quero facer notar a súa incoherencia tan esaxerada cando aparece o tema sexual. Para a proxima o falaremos do control da natalidade, porque "crecede e multiplicadevos" non permite os condóns e por contra "non matarás" si que permite a pena de morte. ¿Será que o tema do sexo mírano diferente?

A Igrexa (Povo de Deus) vai por un camiño e a súa xerarquía por outro, se cadra moitos deberían de matinar un pouco, se están no Povo axeitado, ou alomenos facer algo por cambialo, e non ir coma unha ovella.

¡Que ben me aprenderon os curas e as monxas! :-D

¡¡¡¡¡¡Tratorada!!!!!!

Este tema lémbrase menos veces do que eu penso que lle toca. Na miña opinión os Rastreros fixeron un dos mellores temas do que se chamou rock bravú.
Fedellando no YouTube atopei o video. Vese mal, pero a forza da música e da letra compensa a falta de calidade da copia. Ainda así, se alguén ten unha copia boa do video, que avise.



No myspace dos Rastreros podedes baixar unha copia mp3 do tema.

10 abril 2006

Video con David Bravo no Canal 9

Poño aquí unha suxestión de Voloi. Debate en canal nou no que intervén, entre outros, o David Bravo (por se ainda non vos decatárades, son un fan):




E xa de paso, hai que ler o 20 minutos, que será de balde, pero semella que é serio e ben informado. Algúns outros tiñan que aprender...

Parlamentario galego

Estas dúas fotografías están collidas da rede. Non vou dicir onde as collín para non dar mais pistas, pero podo dicir que é un parlamentario galego, licenciado en Dereito, con tres Masters e cunha chea de cursos e diplomas.

A foto da guitarra titúlase unplugged, pero non sei porqué xa que leva o cable enchufado.

Adxunto os seus cargos no PP-G:


CARGOS ORGÁNICOS. PARTIDO POPULAR:
  • 2000-2006:
    - Membro do Comité Executivo Provincial do Partido Popular de Ourense.( Congresos XII, XIII e XIV).
  • 2000-2002:
    - Coordinador da Área de Acción Política do Partido Popular de Ourense.
  • 2002-2004:
    - Secretario da Área de Acción Política do Partido Popular de Ourense.
  • 2004- 2006:
    - Coordinador Orgánico do Partido Popular de Ourense.
  • 2000-2006:
    - Membro da Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Ourense.
  • 2000- 2005:
    - Responsable de Movilización Electoral do Comité de Campaña do Partido Popular de Ourense nos Procedementos Electoriais Celebrados.
  • 2001-2006:
    - Membro da Xunta Directiva Rexional do Partido Popular de Galicia.
  • 2002-2003:
    - Membro do Equipo Redactor do Programa do Partido Popular de Galicia para as Eleccións Locais 2003.
  • 2002:
    - Coordinador do Grupo de Traballo do Partido Popular de Galicia sobre a Ponencia "ESTATUTOS" do Congreso Nacional do Partido Popular.
  • 2004:
    - Presidente da Mesa do Congreso para Elección de Xunta Local no Concello de O Carballiño.
  • 2004:
    - Vicepresidente da Mesa do Congreso para a Elección de Xunta Local no Concello de O Barco de Valdeorras.
  • 2005:
    - Presidente da Comisión Organizadora do Congreso Local do Partido Popular de Verín.
  • 2006:
    - Membro da Comisión Organizadora do XIII Congreso Rexional do Partido Popular de Galicia.
Estoume convertindo nun brando, esta si que é doada. ¿Quen é este UNPLUGGED?

09 abril 2006

¿Propiedade? ¿Intelectual?

O Xuris-filósofo Teddy Bautista nunha conferencia da que non teño o texto integro di que "a propiedade intelectual é a mais sagrada que existe"

É estupendo que diga isto:

"la 'propiedad intelectual' es la 'más sagrada' que existe, por encima de la 'privada', ya que 'no hay nada tan personal como la formulación de las propias ideas'."


Ten razón, a LIBERDADE DE EXPRESIÓN é mais importante que a propiedade privada, ou podedes pensar que non, cada un que pense o que queira, pero hai que chamarlle ás cousas polo seu nome e non andar enganando á xente. ENGANANDO, non é o mesmo a propiedade intelectual que a liberdade de expresión.

El o que está a defender sempre, é a parte económica dos dereitos de autor, porque o resto de dereitos protexidos pola propiedade intelectual non se ven danados pola distribución entre iguais (P2P). Agora, misturando todo, ca liberdade de expresión non fai mais que embarullar, e a súa mensaxe chega a xente que non ten porqué coñecer estes conceptos, ainda que supoño que el si os pode diferenciar, ¿non si, Teddy?

"
El presidente de la SGAE confía en la posibilidad de acabar con la 'piratería' desde la ley y aseguró que en su momento la aparición de la radio 'fue un cataclismo mucho mayor que el de Internet'."

Supoño, que a difusión da música pola radio foi negativa para espallar a música e o negocio da SGAE. ¿Serán certos os datos que din que os artistas vense beneficiados da distribución pola rede?Porque, se a radio foi un cataclismo ainda maior...

¿Alguén pensa que o modelo de negocio actual das discográficas podería funcionar sen radio ou televisión? E foi un cataclismo, mira ti.

Atopei esta referencia no sempre recomendable blog de David Bravo.

Xa non vou falar das queixas do PP contra da "pirateiría", pero sabede que teñen medo que cale a idea da cultura gratuita (o demo) Non sei se quitar a licenza CC do blogue, que me van excomungar.

E para rematar unha coña, fusilada directamente do Blogue de David Bravo:

"Las descargas de Internet son más malas que qué

"El otro día unos 'manteros' nos decían que teníamos que trabajar juntos para erradicar la piratería en Internet, porque estaba afectando también a su negocio, y es que se ha notado un desplazamiento de la piratería del top-manta a Internet".

Antonio Guisasola, presidente de Promusicae

Es difícil comentar este comentario, pero por el momento se me ocurre que si el Top Manta es aquello que financia terroristas, narcotraficantes y demás satanases, esto que cuenta Guisasola es una buena noticia ¿no?

P.D.: ¿Se imaginan a los manteros muy enfadados acudiendo a PROMUSICAE para que acaben con los que se bajan música de Internet? Parece sacado de La Hora Chanante."


Xa vedes o que tal hai, mellor rir que chorar.

08 abril 2006

Pandora

No blogue de Manuel Gago, Capitulo 0, do que xa puxera aquí algunha ligazón, saco a miudo cousas interesantes.

A ultima foi o Pandora. Un aparello web 2.0 que fai unha escolma de cancións partindo dun grupo ou canción que ti lles fixeras previamente, así creas unha canle de radio persoal. Parece ser que hai unha equipa de xente clasificando os temas de forma manual, por iso o acerto e bastante elevado.

Dous fallos, a musica terá que ser americana ou inglesa, que é o que eles andan a clasificar (polo de agora) e hai que se rexistrar cun zip code USA (se queredes gardar as vosas emisoras) non hai fallo, porque os codigos os sacades da rede, o meu penso que puxen 10001 (NY,NY) non lembro se leva mais ceros.

Acabou o de non descubrir musica coma a que queredes escoitar. (Eu xa non asubío mais)

A voltas cos tradutores...

Xa vos dixen que o tema era atraínte para min.

Probei, seguindo a suxestión de Cruzul o Apertium. A maiores de ser código aberto, está feito pola UVI e, coma antigo membro, téñolle moita lei.

A idea de Cruzul non era traducir do castelán ó galego, porque a maioría dos que falamos galego entendemos o castelán, a idea era facelo ó revés porque así poderíamos chegar ós que falan castelán e non galego.

A experiencia non foi moi positiva. Non hai moita intelixibilidade, no que inflúe tamén que non se entenden o blogger e mais a maquina do tradutor cando hai un til, o tradutor pon simbolos estranos e dificulta moito a comprensión do escrito.

Supoño que o tradutor estará optimizado para traducir do castelán ó galego, non sei. Se esa é a idea, non penso que vaia a acadar unha utilización masiva.

Toda esta lea contra o tradutor empezou esta mañá, cando atopei no contador un australiano que chegara cunha ligazón rara: un tradutor. Non sei o homiño que idiomas tentaba traducir, mais non lle traduciu nada. Vai ter que seguir algun curso de galego ( a , b, c, d )

07 abril 2006

CiberIrmandade da Fala

Hai uns días engadín unha ligazón no costado ó obxectivo da CiberIrmandade da Fala, se cadra algún xa se decatara.

A CIF é un grupo creado no 1996 para defender e espallar o galego na rede. Na ligazón que puxen, pódese mandar un correo a algunha empresa ou institución pedíndolle como cidadán, consumidor ou usuario, que empreguen o galego na rede.


06 abril 2006

Visitantes

O contador é unha boa cousa que teñen os blogues.

Cando non deixan comentarios, os visitantes non deixan pegada do seu paso. Non sabes se alguén está a ler o que dis.

Ainda que cada un terá as súas razóns para adicarlle o tempo ó seu blogue, hai unha cousa supoño que común a case todos: queres que alguén vexa o que estás a facer. Pode ser que queiras que o vexan os teus amigos, un primo na Patagonia ou o mundo mundial, pero quererás que alguén o vexa, se non, non perdas o tempo e garda o teu blogue no disco duro.

Grazas ós contadores sabes canta xente (mais ou menos) entrou a ver o que ti puxeches, e serve de pulo para seguir a facer esta pequena contribución ó ruido (e ás veces tamén á información) que aboia na rede.

Outra das cousas que fan os contadores (para os que non o saiban, que ainda non todo o mundo ten un blogue) é dicir desde que páxina chegaron as visitas se o fixeron cunha ligazón, e o lugar onde está a súa conexión a internet.

Encántame isto, andar vendo se alguén puxo unha ligazón nalgures, ou se a xente chegou ó chou (algunha xente chega o chou desde o Blogger).

Ultimamente vexo que moitos brasileiros e portugueses chegan ca percura da combinación "lista da compra" por algo que puxen un día. Tamén un que chegou cunha percura de Turuto ¡desde Bélxica!

Visitantes que deixaron a súa tarxeta de visita foron: Acedre, torredebabel, ou Kiko Novoa (que deixan a súa pegada de embaixadores galegos na distancia e podo identificalos ainda que non digan nada) F.Míguez, Marinha de Allegue ou Mr Tichborne. O resto xa eran da casa: turuto, Voloi, aser, palonsfe, almu, Yosi, Jandrix, Anxo. E Zeke, agora xa é un mais na casa tamén.

Non teño o bo costume que teñen moitos de agradecer os comentarios de cada vez, ainda así , agradezoo moito.

Asi que, a todos, tamén ós que nunca comentaron nada, moitas grazas pola vosa visita.

Estades na vosa casa.

05 abril 2006

Canto mais interné mais pailán

Tanto ver cousas na rede, enterarse do que pasa no mundo...

E ó fin descubro as cousas porque vexo que alguén e do mesmo sitio ca min.

Contovos como vai o tema...

Entro no blogue de torredebabel(fios invisibles) (que adoito ler) e fala dunha conversa xurdida noutro blogue, o de folerpas(alfaias) que tiña boa pinta. Polo de agora nada novo.

Entre os participantes na conversa (chea dunha sensibilidade e poesía a que non dou chegado, nin sequera cando o teño tentado) atopo a Veloso(Rei de Copas) que resulta que estudou no Fleming coma min, (ainda que non o coñezo porque ten catro anos mais ca min). Entón vou ó seu blogue (polo que xa algunha vez pasara) e descubro que é escritor e que o seu blogue está moi ben. En realidade, lino desde o seu comezo (ainda que deixei as historias de Silvaoscura para ir lendo ós poucos). Non é mágoa que entrara polo que entrei, é mágoa que se non fora por iso igual non lle prestaba atención

A miña recomendazón de hoxe, non importa como chegara.

04 abril 2006

Banda deseñada no congreso

Hoxe, chégame por correo, reenviado por turuto, esta ligazón á gravación sonora dunha sesión do congreso.

É a proposta dun premio nacional de banda Deseñada, proposta polo grupo socialista e con enmendas, entre outros, do BNG. Paco Rodriguez menciona hitos da banda deseñada galega, como Castelao, Miguelanxo Prado, BD Banda, as xornadas de BD de Ourense, viñetas desde o Atlántico, e outras.

Tamén menciona a AGPI e fala da dificultade dos ilustradores para traballar desde Galícia. ¿Haberá que emigrar habendo Internet? Tan triste como certo, nada cambia.

Incluso falando dunha cousa tan divertida como pode ser a banda deseñada son aburridos.

Humor negro

Teño que confesarvos que sempre tiven predilección polo humor negro. Hai pouco alguén me comentaba que lle abriran a cabeza para sacarlle un hematoma do cranio. Cando me dixo que o operaran con anestesia parcial díxenlle: ¡Ah!, logo oiche cando dician, ¡doutor, perdémolo!

Eu son así, díxenllo porque xa pasara a operación e estaba mellor. Non lle faria o mesmo á súa viuva se chegara o caso. Mais no tanatorio de Ourense sonche piores ca min, se non o credes, ollade os chisqueiros que andan a regalar para facer publicidade (si, publicidade, o negocio chegou ó reino da morte).

Podedes atopar a historia na edición de hoxe de La Voz de Galicia. En galego grazas a Vieiros

Por certo, no chisqueiro trae o teléfono por se queredes ir facendo unha reserva.

Eu, igual que fago sempre, esperarei ó último intre. (Neste caso será o derradeiro intre)

03 abril 2006

Analisando o blogomillo

Hoxe vou recomendar o blog de Calidonia, que esta a analisar o blogomillo, alí atoparedes mais cousas, pero tamen datos sobre os blogues escritos en galego (ainda os escritos parcialmente).

Seica aumenta o número de mulleres, e cada día a idade media é mais baixa. Non sei se este dato terá que ver co aumento brutal do MSN Spaces, moi adaptado á estetica adolescente polo que eu vin(ó meu xeito de ver, claro, se cadra é que eu son un carca e non me decatara)

Deixo aquí unha grafica facendo uso da licenza creative commons de Calidonia:


Parabéns polo traballo.

02 abril 2006

Mais e mais doado


Despois da foto de Vanilla Ice, que ninguén foi quen de identificar, vou poñer outra.

Esta, abofé que é mais doada que calquera outra que puxera antes.

Xa diredes...

Festa

Onte celebrei con algúns dos meus amigos unha festa para celebrar, con un pequeno retraso, o meu cumpreanos.

Saíu ben (creo eu) e o pasamos bastante ben vendo videos de hai dez ou doce anos. Os agasallos foron dúas camisetas e varios libros de banda deseñada.

Paseino moi ben. Agardo que o resto tamén o pasaran.

01 abril 2006

Os parroquianos de South Park


Onte recuperei os bonecos de South Park que fixera para algúns coñecidos e deixeinos no meu flickr por se a algún lle interesara.

Éste é o meu sogro.


 
ecoestadistica.com