Apocalipse do porco

31 março 2006

Xa teño chapa

Recollo a idea de Nemeth, e fago a miña propia chapa de alguacil-blogueiro.


Leva un indio porque teño mais de indio que de vaqueiro. Gustoume esta con eses raios que semella que está a amencer. Se queredes a vosa, dígovos como Nemeth, que entredes na fonte.

Non sei se ir a Warrenton e facer campaña por Acedre, que xa me ofreceu choio de alguacil se gaña.

Tamén fixen estoutra pequeniña. ¡Ainda vou ter que encargalas para poñer na camisa!

30 março 2006

Xa van 7

Onte, ca sorpresa da ligazón que había nunha nova de Vieiros ó meu blogue, esqueceume comentar que cumpríanse sete anos que traballo na mesma empresa (a única na que traballei, en realidade)

Non podo queixarme, non pagan mal, e o traballo non é moi duro. Se cadra preferiría traballar noutra cousa...igual que moitos outros, supoño.

Pois nada, xa van sete. (e os que ainda quedan).

Menceres e solpores

Para o que, como me pasa a min, desfrute cas fotos de paisaxes con bonitas cores, deixovos aquí a ligazón á paxina flickr de John Adams - thepres6 un ghicho de Oakland (a terra dos carballos) en California. Ou podedes ir directamente á escolma das súas fotos mais interesantes. Había tempo que non deixaba unha destas ligazóns. Coma sempre, agardo que vos guste.

29 março 2006

Vanilla Ice


Hai uns días puxen unha foto de Robert Van Winkle. Pensara que era moi doado, pero xa vexo que non.

Ninguén se achegou, nin sequera o tentou.

Este home marchou como chegou, ainda que segue a facer "música" agora seica vai de "ghevi" (vivir para ver).

Hai xa ben tempo vira un video deste home tarareando a parte do tema Ice Ice Baby que sampleara de Under Pressure de Queen tentando facer crer á xente que non era o mesmo.

Nunca vira algo tan patético, non tempos previos á rede un facía o ridículo e non estaba ó día seguinte no You Tube. Mellor para él, supoño.

Super herois de parroquia

Atopei hai pouco no marabilloso blogue de Ascarida, orballo unha páxina similar á de Calvin ou Hobbes pero que a min gustoume mais. Se cadra é porque estes dos pixamas gustanme (cando estan ben feitos, iso como todo).

É un cuestionario para saber que super heroi és.

Eu, se a algún lle interesa son Spiderman (nun 70%). Gustoume, ainda que sexa mais fan de Batman (a famosa Batman/woman é ascárida)

Abofé que fixen o descubrimento do ano para Zeke, pero o resto tamén podedes deixar a vosa identidade segreda.

O meu senso arácnido avísame dun perigo. Teño que marchar.

28 março 2006

Xornais dixitais

Recentemente, Vieiros introduciu unha nova ferramenta na súa páxina: pódese ler a edición dixital de:
-La Voz
-El Faro
-El Mundo
-El País
-La Razón
-La Vanguardia
-El Correo
-Libertad Digital
-Cinco Días

Ainda non entrei en todos estes xornais, pero seica hai unha revisión manual das traducións, pero de primeiro, doulle as grazas á xente de Vieiros e dimensiona, a empresa co desenrolou, polo traballo.

Digo isto ainda que xa coñecedes a miña opinión sobre as traducións automáticas, pero certamente é un tema que me atrae moito, e sempre que descubro algo novo boto unha ollada se teño tempo.
E, asumindo o risco de que aborrezades disto, vou deixar aquí unha foto que fixo un invitado á miña voda (en Modariz, para rematar a semán de festexos).
Ainda que na foto non aparece o texto orixinal (en castelán), podedes deducir que a tradución non era moi boa, só tendes que mirar o de maquina e maquine ou o de fallow. O peor de todo é que usaran esto comercialmente, ainda que normalmente sucede ó revés e temos que ler incomprensibles traducións ó castelán (normalmente o galego non aparece nin como opción). Habitualmente é mellor ler directamente inglés se hai un coñecemento ainda que sexa escaso.

Tamén a semán pasada contaronme dunha xente que tentou facer negocios cuns chineses usando un traductor automático inglés-chinés. "sorprendentemente" non chegaron a un acordo porque non foron que de explicarlle parte das condicións do acordo ós chineses. Non sei porqué sería.

Se tedes tempo e ganas de ler estes xornais xa me contaredes que vos parecen.

27 março 2006

Morbo

Non sei de quen é a frase de que todos morremos sós.

Non estou moi dacordo, supoño que non é igual morrer só que arrodeado de seres que o queren a un. E a fin de contas morres igual, pero o pasamento supoño que será mais levadeiro.

Ven isto a conto da morte esta fin de semán de Rocío Durcal. Non admirei a esta señora en vida, pero a súa morte fixo que , cando menos a respetase. Só fago a comparación ca enfermidade que está a pasar a outra Rocio ("La más grande", ainda que lin o outro día que Rocío Durcal vendeu mais discos que ningunha outra artista)

O circo, a feria que se monta ó seu redor da algo de noxo. Non ela, nin a súa enfermidade, bastante desgracia ten de ter unha enfermidade grave. A xente que ten ó seu redor penso que fomenta ese abuso informativo-morboso que consumimos no televisor coma se nos mesmos non tiveramos vida propia. ¡Que diferenza con Rocío Durcal! Ó que lle gustaba puido chorar por ela, e ó que non deixouno en paz. ¿A quen carallo lle importa a vida desta xente, se foden polas esquinas o morren dun cancro? Polo visto a moita xente. ¿Con esta merda de sociedade que estamos a crear entre todos, que carallo ten narices de queixarse da perda dos valores e do botellón ? ¿Alguén se pregunta porque os mozos e mozas só lles interesa ser famosos, gañar cartos a esgalla e sair na televisión?

¿Por que será?

Adeus Rocío, non te quixen en vida, pero gañaches o meu respeto, ainda que fora por comparación.

Oportunidade política

Leo na rede, nos comentarios ó sihomesi e o indymedia, que o alcalde (ese non, Javier Losada) vai manterse no erro e vai erguer de novo a bandeira no Orzán.

Se ese estilo vai ser o que impere no PSOE na negociación con ETA podemos darnos por fodidos e ben fodidos.

Aproveitando a desculpa do vento podía retirar a bandeira, e ninguén podería botarllo en cara, pero mira ti, para non cumplir promesas electorais ben que se amañan, pero para arranxar conflictos...Haberá que chamar a alguén mais diplomático para arranxar isto. (ah, iso tampouco vale, xa me esquecía)

26 março 2006

Negocios



Na estrada de Ponteareas a Mondariz, vimos un par de cousas que os da zona coñecerán xa. De feito non era a primeira vez que eu as vía.

O primeiro é unha consecuencia desa tendencia de facer as cousas canto mais grande mellor misturado ca idea que temos en Galicia de poñer calquera cousa onde nos sae do carallo. Non sei que pinta unha tenda de noivas no medio do agro, pero seguro que vai ben e todo, Iria Novias.

A outra, xa sen ter en conta que estea mal escrito, sería o contrario do que é este blog (alomenos polo de agora) Nin vendo nada, nin fago negocio e ademais agardo que entren cada día mais curiosos.

Pois nada, convidados quedan vostedes, cando queiran aquí estou agardando na casa.
(Se traedes os pes enlamados quitade os zapatos na porta)

Unha noite no muiño...


...nin no balneario, unha noite non é nada.

Estivemos na Vila de Mondariz Balneario apenas vintecatro horas, e souperon a moi pouco, abofé.

Non vou facer un relato completo da estancia, só direi que marchamos moi relaxados e satisfeitos, pero a próxima volta vai ser mais longa.

Estivemos na parte novísima (aquí xa é coma as pontes de Ourense, hai vella, nova e novísima) e desde o noso cuarto víanse cousas coma estas, que aquí vos deixo.
A cúpula alumeada é do Pazo da auga, unhas instalacións que abriran xusto despois de que viñeramos o ano pasado. Non é fea, pero non me gusta, porque réstalle protagonismo ó templo da auga de Antonio Palacios.

25 março 2006

Sen non hai fillos...

Haberá alomenos sobriñas.

Xa vai ser a miña cuarta sobriña. A primeira desde que casei.

Polas fotos que lle sacaron onte parece que vai ser un chisco tímida, que non parou de tapar a cara ca man.

Podedes ver un ollo, o nariz e un dediño da man.

Disque se fora mais pequena podíase ver mellor nas imaxes, pero non sei, porque como podedes imaxinar a foto non lla tirei eu.

Ainda que na foto non se poida ver ben, xa vos digo que Irene vai ser moi guapa.

Que ninguén o dubide. Cando naza pedireille permiso á nai para que a poidades ver.

Novo Sheriff na vila

Informa Acedre de que está a subir a delincuencia en Carolina do Norte. Agora hai que deixar o coche pechado. ¿Onde imos parar?

Chegou o momento de dar un paso á fronte. Acedre, o tio Sam chama por ti. E non terás que poñer unha garavata coma a da competencia.

O cartaz xa o fixen eu, para que vexas o apoio do lobby galego. Ana negase a sair no video, pero ti non dixeches que non.

Acedre, a política chama por ti, ¿que ten o Chuck Norris que non teñas ti?

Tremede delincuentes, a lei chegou á vila.

24 março 2006

¿Calvin ou Hobbes?

Seguramente, todos coñecedes as historias de Calvin e Hobbes.

Algúns, como Turuto ou Melo, son incondicionais.

Non é o meu caso, por sorte ou desgraza (supoño que desgraza) ainda estou colléndolle o xeito.

Hai pouco descubrín, non preguntedes onde, que non sabería decilo, porque foi surfeando ó chou, un test para descubrir se és mais Calvin ou mais Hobbes.

É a tarefa que vos deixo para a fin de semán mentras eu tomo as augas en Mondariz. Se teño oportunidade deixarei algo aquí mañá 25, se non, tendes ata o domingo para traducir o test e dicirme se sodes mais Calvin ou Hobbes.

23 março 2006

Concentración n´A Coruña

Deixoume unha mensaxe esta tarde Turuto para que avisara da concentración que vai haber n´A Coruña, na rua Federico Tapia para protestar contra a reforma da LPI, na porta da sé da SGAE.

Despois, fun traballar, e á tarde no Chuza! atopei a mesma nova no fwwwrando.

O enderezo da SGAE en Galicia é:

Federico Tapia, 13 - 1º Izda. 15005 A Coruña

E a convocatoria é ás 13 horas mañá.

Ide sen armas e con bo rollo.

22 março 2006

Esther


Lin hai uns días no 20 minutos que vai haber novos capítulos de Esther, o que tamén confirman na editorial Glenat, que reeditara hai pouco Gina. Aquí tendes unha imaxe da nova Esther de 35 anos.

Xa escoitara que hai o proxecto de reeditar as historias completas de Esther, comentoullo a propia Purita n´A Coruña nas Viñetas a unha amiga cando agardábamos que lle debuxara algo á miña muller no seu exemplar de Gina. Unha muller encantadora, cunha modestia envexable.

Nas mesmas Viñetas desde o Atlantico de este ano seica artellouse a colaboura co que vai ser guionista dos novos episodios: Carlos Portela, para os que seguiran o Xabarín, o doutor TNT, e para os que non o guionista d´O ano da carracha.

Unha nova esperanza...

A ver si desta vai.

Había tempo que se agardaba, ainda así ¿quen dixo que as boas novas non eran novas?

Desexo, igual que todos vos que esta vez non pase como a última e quedemos con cara de parvos.

Ogallá esteamos a vivir momentos históricos. Lembremos que moita xente en Euscadi ten a súa vida ameazada por non querer axeonllarse ante a violencia.

Non estamos a falar de política, o único que pedimos é unha oportunidade para vivir en paz.

Non quero vivir isto dende o escepticismo, prefiro apostar, ainda que teñamos que camiñar amodo.

Hoxe é un día para que saquedes todas esas mensaxes navideñas, cheas de po polo uso automático e moitas veces sen sentimento.

Deséxovos a todos moitos anos de paz.

Rolda de correo Blogaliza

¿Alguén non sabe ainda qué é Blogaliza?

Blogaliza é unha paxina na que se relacionan e recollen as entradas de blogues en galego que voluntariamente nos suscribimos.

Ten vontade de ser unha comunidade (hoxe hai 209) e neste momento hai un debate nunha rolda de correo no que se están a aportar ideas sobre o seu posible futuro.

Os 22 membros da rolda de correo publicamos dende hoxe, conxuntamente, a seguinte mensaxe:


bloGaliza está a moverse...e de tí depende o seu avance.

No foro galizablog de Google Groups, estase a discutir o que
até o de agora foi Blogaliza, o que é Blogaliza neste intre e o que
queremos que sexa Blogaliza no futuro.. e a túa opinión é básica
para o desenrolo desta comunidade.



Non teñas medo en entrar, non te compromete a nada e sempre te poderás borrar cando esteas canso.

Agardámoste.

21 março 2006

¡Exportemos o noso minifundismo!

Fagamos patria. ¿Hai algo mais galego que o minifundismo? Eses catro metros cadrados sementados de patacas ou tomates. ¡Que bonito! ¡Da gloria velos!

¿Quen quere un tractor de verdade podendo ter un chimpín?

O amigo Turuto avísame con tempo para que non perda a miña oportunidade. ¡Se queredes mercar barato non esperedes mais! Mercade na Lúa.

Esquecede os embotellamentos do trafego, ide saltando a traballar.

Esta xente ten a exclusiva dos terreos na Lúa. Tamén ten a de Venus e Marte, pero sempre me gustou vivir no centro, os arrabaldes non me interesan, que despois tiraste unha chea de anos luz na nave para ir ó centro.

Se queredes ir escollendo o terreo podedes buscalo aquí na zona histórica da Lúa. Se vos conformades co arrabalde, tamén podedes atopalo.

Conste, que non era fan dos Zapato Veloz.

Mestre Mateo

Non lle fixen moito cas ós premios mestre Mateo, pero claro, eu non estava proposto, ou non era finalista, ou candidato. Xa sei que eu tamán uso o de nominee, mais non gusto de usar os anglicismos se os podemos sustituir por unha verba que xa teñamos (e non empecedes a buscar, que niso tamén son inconsecuente. Se atopades anglicismos reportádemo e chequeareino :-D )

Ben, decía que non estaba nominado, pero o que si estaba (mais ou menos) era Turuto.

Fixo a programación e Victor Rivas os debuxos dun xogo interactivo de Interacción. O xogo chámase O mando manda ¡e gañou!


Xa vedes, aquí respetouse o Copyright, pero como é un traballo por encargo non aparece quen o fixo. Parabéns Turuto, aquí non te queremos por isto, que te queremos sen mais, pero encántame fardar (xa que eu non dou para tanto) do que fan os colegas.

Os que probedes o xogo podedes deixarlle aquí algun comentario ó Turuto, e a súa páxina persoal a tendes nunha ligazón na marxe dereita.

20 março 2006

Un día normal

Hoxe cumpro 33, xa o dixera, ademais hai xa 2 anos que casei, tamén un día 20 de marzo coma hoxe.
Esta é a entrada número 100 do blog en Blogger.

Que pouca gracia tivo hoxe. Chamáronme os amigos e a familia, pero tiven que traballar tamén á tarde, e non puiden celebrar nada. Menos mal que a fin de semán imos a Mondariz de paseo.

Nesta día tamén naceron Ovidio, Ibsen, Spike Lee, Tracy Chapman...

E comezou a 2ª guerra de Irak (este Bush, con tal de me amargar a festa non sabía o que facer).

Pois nada, un día mais, e un ano mais tamén.

Outro día poño unha foto da voda se lle apetece ó Blogger subir as fotos.

19 março 2006

Os Blogues en Galicia

Onte na TVG puxeron unha reportaxe sobre o fenómeno dos blogues en Galicia.

Breve e bastante atinado para o que eu chego a coñecer. O acerto empeza pola escolla dos entrevistados.

Tivo o bo detalle Manuel Gago de comentalo no seu capitulo 0 e ainda o mellor de deixar o video para que poidamos velo.

Día do pai e outras festas

Hoxe é o día do pai, non o vou felicitar porque sei que non entra nunca aquí. Xa o chamei ó móbil, que hoxe non está na casa.

Si que lle vou mandar parabéns ó meu irmán, porque de cando en vez sei que pasa por este blogue. Ou alomenos iso é o que dí. Mándollos porque o seu nome é José. (igual co meu pai)

Para rematar contareivos que hoxe abrín a caixa de correo, que non abrira onte, e atopei publicidade, unha carta da caixa de aforros, e unha de El Corte Inglés, que me manda parabéns polo meu cumpreanos desexándome "que el mismo transcurra felizmente en compañía de los seres más queridos" agradézollo moito porque sei que o fan co corazón, que bos amigos son estes do "Corte".

Pois si, mañá, se non pasa nada hoxe, chegarei ós 33, "a idade de Cristo menos un mes".

Sen agardar ós comentarios, xa vos digo eu que a idade cronolóxica está clara, a que está por ver é a mental.

Oportunidade perdida

É magoa, e pasou o día, pasou a romería. Ainda así sería bonito poder cambiar do que é...



ó que puido ser...


Non é tampouco que fora cambiar moito a cousa, pero cando menos pagaría aqui os seus impostos.

Menos é nada. (o que agora temos)

18 março 2006

Van Winkle

Deixara esta entrada o día 14 e facíame raro que ninguén dixera nada, porque é mais doada que ningunha das anteriores (agas a de Kuala Lumpur ;) )
Hoxe fun ver e decateime do que pasara, tivera problemas co servedor ou trabuqueime e quedou gardada coma un borrador. Aquí tendes...

Robert Van Winkle foi arrestado en Davie, Florida pola policía en Xaneiro do 2001 despois de tirarlle do pelo á súa muller nunha liorta.

Se mirades con atención lembraredes a esta lamentable persoaxe, non lamentable pola súa conducta familiar (aí non digo nada, que a súa muller fale ca amiga Lorena Bobbitt se quere) senon pola súa conducta pública (non podo dicir profisional)

¿Quen é este ghicho? Non podía ser mais doado.

Saquei esta foto da mesma páxina ca de John Wayne Bobbit, un día destes, direivos cal é.

Mantra para o sábado á noite

Milleiros de rapaces e rapazas galegos sairan esta noite buscando parella (para unha noite ou para unha tempada). Deixo aquí o mantra que teñen que repetir mentalmente para acadar o exito.


E non poden esquecer, se buscan mozo ou moza, non beber de mais. Xa sabedes que a potencia sen control non serve para nada.

Pasádeo ben.

17 março 2006

Para ter un nome así...

Os que me coñecen saben que recentemente lin Monster unha historia en banda deseñada de Naoki Urasawa. Recoméndolla a todo o que lle guste o thriller e a intriga. (ainda que 36 números a 4,15€...)
Nunha parte da historia, algunhas persoaxes falan da importancia do nome de un, e lembro isto vendo o descubrimento que fai turuto no Hidrocube recolle un artigo publicado orixinalmente no El nuevo Herald de Miami por Gonzalo Guillén.

¿Paga a pena ter un nome tan pouco axeitado como Justo Empate, Campeón Invicto, ou Dos a Uno?
Contaba un dos visitantes habituais (que se indentifique el se quere) que tivo dous compañeiros de estudos, que eran irmáns, chamados "Zig Zag" un e "Tordas Pirracas" o outro. E iso aquí, non en Ecuador. E o mellor de todo é que estes rapaces dician estar moi ledos de ter ese nome.
Cando o nome foi inventado, supoño que habería un Xosé, un Antón e un Xacobe, un de cada por nome. Agora temos nomes de serie e se cadra agradécese un nome feito á medida. Non sei. Se cadra teñen razón, pero de dar un nome orixinal eu preferiría algo fermoso, non arrepiante.

Lembro tamén unha historia de médicos, penso que sucedeu en Barcelona.

A nai vai ca súa filla e chámaa polo seu nome varias veces: ilóveni.
A doutora cree recoñecer o nome e preguntalle por el á nai. ¿Cal foi a causa de lle poñer ese nome á rapariga? Bo, gustoume. Vino nunha camisola.

Xa sabedes o que puña a camisola, incluso ten páxina web:

I love NY.

Esta historia relatouma un dos testigos, non é un conto (ainda que pareza)

Ás veces é mellor non ser moi orixinal, ¿non opinades igual?

16 março 2006

Traidor automático

A UVI, realmente o seminario de lingüística informática creou o ano pasado un traductor automático galego - castelán.
Recén o descubrín hoxe, non oira falar del. Non sei si é bo ou malo, supoño que será un traidor coma todos, pero para o que non fale as dúas línguas é unha opción de emerxencia. Xa falei noutra ocasión destas máquinas, ainda así gustoume atopalo.

Traduce a un galego isolacionista, e por iso para os reintegracionistas será dobremente traidor.

Hei dicir, que atopo ó Estraviz unha ferramenta moi valiosa (permete as pesquisas en galego RAG) se cadra o mellor dicionario de galego na rede. Ainda que non sempre concorde ó cento por cento.

Uns é outros a traballar pola lingua. Cada un ó seu xeito.


Non sei que dicir

Esta policía da rede, que vai buscar se plaxian o teu blog...

Non me gusta ter que poñer policía, xa para iso poño a Creative Commons, pero... ¿E se aproveitan para vender o que eu fago? (digo eu pero quero dicir algo que pague a pena, ghe, ghe)

Pois nada, xa tes ós de Copyscape para andar detrás deles.

15 março 2006

Feo, feísimo: o feismo

Na edición dixital de La Voz hai unha sección para recoller o pior de todos nos. O feismo arquitectónico. Esa mestura de descoñecemento arquitectónico unhas veces, especulación inmobiliaria outras e mal gusto sempre.

Deixovos tres ligazóns ás galerías de fotos.

1
2
3

Aviso:
Estas imaxes poden ferir a sensibilidade do espectador.

Se queredes participar aquí tendes como.




Deixo para o final a que me parece mais chistosa. Non ían retranquear por unha farola. Nin de coña.

14 março 2006

90 / 118

Levo xa 90 (con esta) entradas no blogger. Agardaba chegar ás cen para comentalo, pero esta mañá mentras me estaba a barbear lembrei que levaba algunhas mais no opera, 28 mais.

Así esta é a entrada numero 118 dende o día 9 de decembro. Cheguei pasado de freada para poder celebrar nada. Mellor así.

Por certo, lembraredes os que daquela líades isto que naquel apocalipse na Ópera adiqueime case que únicamente a facerlle bonecos de SouthPark ós coñecidos. Supoño que o atoparían noutro lado, pero dun tempo a esta parte hai varios blogueiros galegos que están a facer as súas imaxes. (O final vai ser que non facía tan mal os meus).

Xa non lembraba que deixara barba cando empecei a bloguear.

13 março 2006

Val do Deza

Onte estiven en Lalín. E non preguntedes que fun facer alí, xa vo-lo digo eu:

Fun pasear e tomar un cocido.

En Galicia teñen moito éxito os restaurantes onde mais que dar de comer, botan de comer. E nós fomos a un deses...comimos como animais.

Non trouxeron o porco enteiro, pero parecía que o trouxeran, do moito que comimos.

E cando rematamos co pobre animal...as sobremesas. Non puiden con todo, teño que confesalo.

Por sorte ninguén necesitou nin sequera bicarbonato, só tivemos que afrouxar o cinto.

Despois, unha pequena sesta á beira do rio e coma novos. Mellor ainda.

Paseando atopamos este rótulo, e quedamos intrigados co das "cosmetologicas".

¿Alguén de Lalín coñece o letreiro e sabe o que significa?

Os de Lalín seguramente coñeceran o porco este metálico, é meirande do que semella na fotografía. Concordo ca xente de Lalín en que ó animal hai que lle levantar un monumento.

Pareceme incríble isto. ¡Vergoña!

12 março 2006

John Wayne (Bobbitt)




Esta é a portada dunha das películas que protagonizou: John Wayne Bobbitt uncut. O título ten dobre sentido, pode significar sen censura ou sen cortar. A crítica di que non tiña moito aguante e habilidades xustiñas.
Rodou outra película despois chamada Frankenpenis.

Seica quedoulle ben despois da operación pero algo curto o aparato e operouse de novo para alongalo. Din que non foi boa idea, que mellor quedara como estaba.


Polo relato que fan da historia, ainda que me estea mal dicilo, este home estaba buscando que lle fixeran algo. Non sei se cortarlle a pirola, pero...podedes ver mais se premedes na foto do seu anaco.


Por certo, se pensades ser infieis, non casedes cunha tailandesa, polo que din teñen tradicionalmente o mesmo costume que Lorena Bobbitt, e non esperan a que o home bata nelas, as torture e as viole, só lles fai falla unha infidelidade.

¡Manda carallo! (tiña que dicilo)

11 março 2006

Actor protagonista

Non pensei que taradárades tanto en dar ca respostas á adiviña das fotos policiais.

Direivos, para amolar ainda mais, que a miña muller acertou á primeira.

Ela di, que a pista boa foi o de que non quería ser famoso.

Ainda que estas fotos son de arrestos, este home fíxose famoso como víctima dun delito no ano 1993. O que cometera o delito foi considerado inocente por cometelo nun estado de loucura temporal. Despois do delito, o noso home estivo oito horas nun quirófano.

Rodou unha película no ano 1994, que se vendeu directamente en video, non se estreou en salas.

Posteriormente unha ex-muller escribiu un libro titulado "Esta semán casei con (o nome do ghicho)"

En setembro de 2005 metérono na cadea por violencia domestica ca súa terceira muller.

Penso que agora xa o saberedes todos.

10 março 2006

Para chorar e mais berrar

Hoxe 10 de marzo é o día da clase obreira galega.

A CIG lémbranos aproveitando a data, que a sinistralidade laboral, e nomeadamente a mortalidade, non son cousas do pasado en Galicia. Aquí podedes ver no cadro amarelo os accidentes graves en Galicia e no morado os de España.


























Podedes ver nas gráficas que a mortalidade está a repuntar tanto en Galicia como no resto do Estado, pero se comparades magnitudes, veredes que en galicia prodúcense mais do 10% dos accidentes totais. Se cadra a precariedade laboral e as actitudes de moitos seudoempresarios (negreiros con carné) teñen moito que ver. Tendes mais datos hoxe na páxina da CIG.

09 março 2006

Non quixera ser famoso

Este home foi famoso no seu día.

O seu nome foi moi coñecido.

Non tivo fama polos seus crimes.

E non saltou á fama de forma voluntaria.

Coma xa suporiades é dos EUA.

¿Sabedes o seu nome?


 
ecoestadistica.com