Apocalipse do porco

19 maio 2006

Se isto non é Beta...

Con toda a Beta-precaución co tema require convido ós meus visitantes habituais, ós esporadicos, e os que chegaron trabucados na percura da lista da compra dun supermercado brasileiro, a todos vos dígovos que estades convidados a re-inauguración da miña casa no seu novo enderezo:

http://apocalipsedoporco.blogaliza.org


Ainda o estou axustando, e non sei cal vai ser a súa imaxe definitiva, non vos arrimedes ás paredes que vos podedes lixar ca pintura.

Quedades avisados.

18 maio 2006

Unhas cañas

Onte coñecín persoalmente a Dorfun, tomamos unhas cañas, falamos un bo intre e regaloume dous libros en galego (Ó principio foi a liña de comandos e Os dados do reloxeiro) que ofrecera no seu blogue. Foi un bo xeito de celebrar o día das letras. Se cadra xa vistes a miña anotación no seu blogue, hoxe deixou a súa no meu, xusto na entrada aterior a ista.
Se algún non o coñece ainda ó Dorfun e lle quere ver a pinta, é este.


A foto non é do día das letras. ;-D

Querida máquina de escribir:

Deben facer máis de 10 anos que non escribo contigo. A aparición do ordenador fíxoche sombra pese a que tampouco teño impresora no PC, igual por algo do subconsciente. O caso é que quero agradecerche todo o tempo que tiveche que agardar e ser paciente ata este momento, tras todos estos anos esquecida.

A tí déboche a soltura que hoxe poda ter á hora de teclear, e pese a que pasei moitas mañás de sábado amargado... agora non me arrepinto de todo o tempo que pasei contigo. Todas aquelas horas de transcrición de textos. Aqueles días de folios cheos de letras simples... e os paseos coa tua caixa negra que tanto pesaba.

Tentarei que a próxima vez que nos vexamos non sexa dentro doutros 10 anos, pero mentras tanto non me botes de menos... segue ti soa a ler as historias que che quedaron grabadas, sen tinta... e con ese pequeno tintineo mecánico que tanto boto de menos.

[unha anotación de dorfun, para o intercambio de bitácoras]

Pon un fosil na túa vida.

Hoxe celébrase o día internacional dos museos, é tempo para lembrar eses grandes espazos onde son acollidas grandes obras de arte ou tamén materiais arqueolóxicos, restos do noso pasado. As tendencias mais actuais están cheos de novas tecnoloxías.

Hai un exemplo moi bo en España, que une varias destas categorías:
Hai obras pictóricas de grande formato nas súas salas e restos fósiles do noso pasado nos seus escanos: O Senado.

Seica teñen ordeador e telefono en cadanseu escano, logo tamén hai novas tecnoloxías.


Proposta: SENADO - Museo do ano en Europa

17 maio 2006

Espazo publicitario gratuito

Non agardes mais. Próbao xa. E sempre estás a tempo de te botar atrás, porque non só é bo, tamén é gratis.
A miña muller di que neste país todo o que é gratis é un éxito. (Xa se verá)

Actualizado o xoves á tarde: Modesto Web - vía Chuza!

Na casa do veciño

Hoxe comeza a curiosa idea de Dorfún de intercambiar entradas do seu blogue co que lle pete.
Eu, sen medo nin vergoña, atrevinme a escribir algo na súa casa.

A idea era tentar imitar o estilo orixinal de Dorfún, pero non fun quen, só expliquei porqué eu non falo habitualmente dalgunhas das cousas que fala el.

Pero é mellor que o vexades vos mesmos.

Proximamente, na miña casa aparecerá Dorfún, tentando imitar o meu estilo. Pero cando un é palleiro pouco estilo hai que imitar.

Fixen un novo amigo

O meu novo amigo entrou hoxe no meu blogue ás 9:45 da mañá e deixoume algún comentario.
Seica gustoulle o meu blogue,que me di cousas tan bonitas como:
Your site is on top of my favourites - Great work I like it.
Interesting website with a lot of resources and detailed explanations.
Looks nice! Awesome content. Good job guys.
Very pretty design! Keep up the good work. Thanks.

Ainda que a que mais repetíu foi:
Looks nice! Awesome content. Good job guys. (21 veces)

O seu nome é Anonymous ainda que se cadra tamén o coñeceredes polo nome de bot, chámase así porque fai moito a pelota e por iso bota.

Por se este amigo volta púxenlle un pasatempo nos comentarios, así que os poucos que me comentabades teredes que introducir un texto de verificación da vosa humanidade.
E a ver cando algún deixa 41 comentarios como fixo este novo amigo.

Diecisiete de mayo

Estaba hoy pensando en que poner en mi bitácora en el día de las letra gallegas y se me ocurrió que podría celebrarlo de la misma manera que los diarios gallegos, cambiando la lengua de la bitácora por un día.

Consultando las páginas web de los periódicos gallegos que ofrece traducidos Vieiros, he encontrado que La Voz sólo publica en gallego un articulo de cabecera, pero también, que ha espabilado y ofrece su edición en la web traducida, utilizando según deduzco el traductor automático desarrollado entre otros por la la Universidad de Vigo. Supongo, ya que soy muy mal pensado, que habrán detectado un importante flujo de visitas a través del traductor que ofrece Vieiros y querrán que ese flujo no pase por Vieiros, para seguir siendo la página más visitada de Galicia. (no se puede jugar con la publicidad).

El Faro publica sus noticias en gallego, pero con la actualización ya aparecían las últimas noticias en castellano.
Y La Región exclusivamente ourensano desde 1910, exclusivamente en castellano por lo que he podido ver.

Respecto al nuevo traductor de La Voz, por lo que he visto, al que le interese leer en gallego ese periodico le recomiendo el traductor de Vieiros, que creo que está más perfeccionado.

Por último, comentar que últimamente La Voz parece El Eco de Galicia, porque presenta iniciativas que copian otras anteriores de la red sin citar de donde sale la idea.
Ejemplos en la edición de hoy: Este traductor, o la elección de la palabra más bonita del gallego, iniciativas ambas que existían previamente ya en la red.

Para los que quieran leer la bitácora como todos los días pueden hacerlo usando la misma tecnología que La Voz, aquí.

16 maio 2006

Prince George

O meu irmán semita, lembra que Hugh Laurie, o doutor House, tivo un pasado.

Participou na brillante e divertidísima Víbora negra, en dúas das etapas históricas.

Aquí aparece coma Principe George.

A voltas co termo "gallego"

Moito se falou no blogomillo das definicións que do termo "gallego" aparecen no dicionario da RAE.

O que non vin que ninguén comentara foi algo que se me ocorreu agora mesmo escoitando nas quimbambas, na Radio Galega, unha entrevista a un cubano:

As mais das veces o termo gallego, cunha connotación negativa é un americanismo, dun ou doutro pais da Latinoamérica.

¿Como chaman nesas terras maioritariamente ós españois?

¿Non era gallegos?

A voltas co termo "gallego"

Moito se falou no blogomillo das definicións que do termo "gallego" aparecen no dicionario da RAE.

O que non vin que ninguén comentara foi algo que se me ocorreu agora mesmo escoitando nas quimbambas, na Radio Galega, unha entrevista a un cubano:

As mais das veces o termo gallego, cunha connotación negativa é un americanismo, dun ou doutro pais da Latinoamérica.

¿Como chaman nesas terras maioritariamente ós españois?

¿Non era gallegos?

15 maio 2006

I Concurso pop rock Musicali A!

A concellería da Xuventude de Vigo e a Sala A! organizan o primeiro Concurso Pop Rock MusicaliA! dirixido a grupos musicais deste estilo de Galicia e Portugal. O 15 de xuño é a data límite para a recepción de maquetas que se remitirán á Casa da Xuventude ( Rúa López Mora,31)

Os grupos seleccionados actuarán a partir de setembro en concertos que se celebrarán na Sala A! os venres . No mes de xaneiro de 2007 coñecerase o nome dos tres finalistas e no mes de febreiro desenvolverase a final do concurso.

Os premios aos que optarán os grupos participantes son
10.000€ para o primeiro clasificado
5.000 € para o segundo e
2.500€ para o terceiro, en material musical e ata o 25% en metálico.

Atopado en arredemo e fusilado de xornal.vigo.org.

Mágoa que non rescataran o vello nome de Vigo en Vivo de tan grato recordo. Xa me contarán os corresponsais vigueses que tal resulta.

Non comprendo que na rede non aparezan case referencias ó Xose Otero, o locutor da Radio Ecca-Vigo pai ideolóxico da Kanteira. se cadra non pescudei como debera. O que si atopei con facilidade foi a páxina do Maketón e nela fotos coma esta que aquí deixo.

Parecen un par de paiasos, e abofé que son. Son dous dos Tronka Jazz Quartet, que presentaran unha gala dos premios do Maketón.

14 maio 2006

House

Hai na rede un ruxe-ruxe ca serie House, que podedes ver na Cuatroº ou na FOX.

Eu atópolle certa semellanza á persoaxe con Becker, outro doutor con bastante mala ostia, ainda que as dúas series son bastante diferentes (Becker era unha sit-com e House ven sendo un Colombo-médico que pasa o episodio buscando o "asasino") House é mellor porque os diálogos son boísimos. Ollade estas escolmas de frases da web de cuatroº.

Na web do gamberro Bonache atopo unha ligazón a esta web de fans brasileiras da serie que seica queren emparellar a House e a Cameron, ainda que sexa no nome da súa páxina.

¿Sabedes porque nos gusta House? Porque nos tamén quereríamos dicirlle á xente o que pensamos, pero non temos a ousadía de facelo. ¿Non pensades que é iso?

How the west was won

Pregúntame Makeijan, se a serie de Grizzly Adams era aquela na que salía Zeb Macahan.

Non ho, aquela estreouse na TVE co título de "La conquista del Oeste".

Pouco mais lembraba da serie, nin escribir o apelido dos Maqueighan sabía.

Pescudando na rede vexo que a serie de Zebulon Macahan e a súa familia non durou moito, normal, con episodios de dúas horas.


Pescudando un chisco vexo que Luke Macahan era Bruce Boxleitner (o home do soriso da foto) Se cadra o lembraredes da serie "O espantallo e a señora King" que puxeran na TVG.

Da serie "La conquista del Oeste" fixeran un xogo de mesa que algún amigo meu tiña (non lembro quen).

Non me podo comparar con Turuto, si el lembrara a serie sabería os nomes das persoaxes e os actores sen necesidade da rede. Si lembro, que esta serie gustárame no seu día, mais ainda ca de Grizzly Adams.

12 maio 2006

Expansión territorial

O universo está a medrar desde o Big Bang, e tamen está expandido, ainda que desde hai menos tempo Caixa Galicia "A Nosa Caixa".

Como o señor Méndez é moi galleguista tira pola nosa economía pero sobre todo pola nosa cultura, nomeadamente pola nosa lingua. Pero que non tire tanto, que no-la vai arrincar.

Vede a foto dunha oficina da Caja de Ahorros de Galicia, porque digo eu que será esa entidade, ¿non si?

Podedes ver nestas ligazóns mais detalles da súa expansión.

¿Imaxinades que "la Caixa" cambiara o seu nome en catalán por "la Caja"?
Pois iso, cághala.

¿Deixan de entender en León que é unha caixa de aforros se pon Caixa Galicia? ¿Deixan de pensar que é unha entidade galega se o pon en castelán? Non entendo porqué fan este cambio. De verdade, non o entendo. Se alguén o entende, que faga o favor de mo explicar. Agradecereillo.

Via la nevera 61.

Proxectos varios


Teño dous proxectos agora mesmo, pero o tempo non me da para todo.

Quero instalar o Linux, porque non me deu problemas co portatil o Live CD e agora xa me envenenei. Ainda así darei outro paso mais e deixarei os dous SO instalados, cun xestor de arranque como suxeriu Voloi. Para iso terei que partir o disco, que non é unha cousa que faga normalmente.

E por outra banda quería mudarme á Blogaliza, que xa teño mercada a parcela para o apocalipse.

Por se non chegara co virtual, trasládanme no traballo, ainda que dentro da cidade.

Xa seguirei contando...se teño tempo.

11 maio 2006

Non vai mal

Onte baixei o Live CD da rede e estiven probando o Linux.

Non podo contar moito, porque estiven navegando co firefox, como sempre, e pouco mais estiven probando, porque botaban Mujeres desesperadas na Fox e estiven vendo a serie co portatil diante.

Tiven o problema de que non podo acceder ós arquivos do disco duro, penso que é por estar a traballar co Live CD e as configuracións non quedan gardadas, que seica usa a RAM coma disco duro virtual.

Terei que afacerme un chisco o entorno e despois de escoitar algún podcast, como di Turuto, pensarei en formatear o portatil e cambiar de sistema.

Teño medo de ter algún problema ca instalación e quedar afonico un tempo, sen poder escribir no blogue.

Este post o fago desde un equipo Linux, o meu, ainda que sexa postizo.

10 maio 2006

Primeiros pasiños

Coma un neno cativo, terei que botar a andar collido da man dos maiores.

Estou, mentras escribo isto baixando unha copia dun "live CD", e non, non é o último atentado terrorista de Ricky Martin, nin as tomas falsas de Fran Perea. Moitos saberedes xa que é un sistema operativo que traballa sen instalar no equipo, concretamente estou a baixarme unha distribución Ubuntu de Linux.

Non teño nin idea, así que non sei que vai sair de todo isto, pero se todo vai mal só terei que reiniciar e Bill estará a agardar por min co seu sonriso nos beizos (Bil é un Príncipe...de Asturias)

Xa vos enteraredes.

Grazas, Voloi pola idea.

09 maio 2006

Manga na PSP

Xa hai unha páxina xaponesa na que se pode descargar banda deseñada para ler na PSP.

Se cadra ainda é cedo para que vexamos ameazada a existencia da banda deseñada en papel, o mesmo que ocorre cos libros só de texto, porén cando haxa un trebello que deixe ler dun xeito mais confortable que o que agora hai e que sexa mais doado de levar dun lado a outro...
Coma os libros, pero con capacidade de almaceamento maior nun espazo menor.

Saquei todo isto dun comentario de Álvaro Pons no que reflexionaba no futuro das pequenas editoriais adicadas á publicación de material baixo licenza estranxeira en España cando se poida vender directamente en cada lingua na rede.
A xente que comentaba despois sobre isto falaba tamén do intercambio de banda deseñada escaneada que xa hai hoxe entre grupos de amigos.

Eu non sei se me darei afeito a estes cambios da banda deseñada, que ainda son do século pasado, pero mira ti o que pasou ca prensa diaria e a rede...

08 maio 2006

Grizzly Adams

Onte estaba vendo na televisión Perseguido, protagonizada polo gobernador de California (non lembraba que fora de serie B, ¡mais era!) e nun diálogo mencionaron a Grizzly Adams.

A miña muller non a lembraba, pero eu si, era unha serie que poñían os fins de semán cando eu era cativo.

Un home escapa ó monte acusado dun crime que non cometera (que orixinal) no oeste dos E.U.A. e alí atopa un oso cativo que quedara orfo e o adopta salvandoo de morrer de fame. O oso converteuse no seu compañeiro.

A serie saira dunha película que á súa vez estaba baseada nunha historia que ocorreu na realidade (mais ou menos, como fan en Hollywood). Na serie o ghicho tiña outros dous compañeiros, un vello e un indio, seguramente porque o oso non lles daba bos diálogos.

O actor protagonista era Dan Haggerty, que tamén era un ghicho curioso de seu:
Fora culturista ó comezo dos sesenta e montara as motos da película "Easy-Rider" e a súa foi a única estrela que retiraron do paseo da fama de Hollywood.
Ten truco, a estrela era para Don Haggerty e trabucáranse na letra, mais adiante déronlle a súa propia estrela.
Co tempo Dan Haggerty mesmo vendeu o seu propio prebe como fixera tamén Paul Newman.

Este tipo de cousas son as que me van facendo sentir vello.

Ollo, só ás veces.

07 maio 2006

Post Conto

O post do día despois, onde conto como me foi o conto.

As previsións horarias axustáronse bastante á realidade, agás o fin da cea, que alongouse e rematou ó redor da unha.

A voda estivo ben, e o que estivera xa nunha voda coñecerá mais ou menos o guión: risas, choros, moita comida, bastante bebida, baile, musica (si se lle pode chamar así) e moito amor.
Estiven con xente que había tempo que non vía, algúns incluso anos, familia, amigos que viven lonxe, e así.

O detalle gracioso foron unhas mulleres que rifaron á miña muller na igrexa (sobre todo a ela, ainda que estiveramos xuntos), porque foran oir misa e as estivera distraindo. "¡Hai que vir mais formal á misa!¡Non se pode estar todo o rato a falar!"
Calamos e non lles dixemos nada, ainda que moito había que dicir, empregamos a caridae cristiá que as dúas vellas non tiñan e marchamos rindo polo baixo. Non pensedes que estivemos a facer escandalo nin moito menos, falamos polo baixo (algo, tampouco pensedes que moito) pero cando alguén quere amolar, sóbranlle os motivos.

Xa na cea as nenas tiveron un momento Tarantino e puxenron os coitelos unhas sobre a cabeza das outras. Despois os nenos estiveron a bailar, xogaron, andiveron descalzos...o dos nenos, si foi unha festa.

O concerto empezou un chisco mais cedo do que eu pensara, pero non á hora que estaba anunciada. O día que La Iguana cumpla o horario que pon no cartaz non vai haber ainda ninguén. E rematou as dúas e vinte ou así, pero eu non puiden ir, quedei cas ganas de ver ós meus amigos tocando en La Iguana.
Xa vos contarei outro día como foi, cando teña a crónica do evento, e xa porei algunhas fotos, que agora non teño.

06 maio 2006

Planning para hoxe:

14:00- Xantar na casa
15:00- Coller o cocher
17:30- Cambiar de roupa preto da igrexa
18:30- Voda
20:00? Parabéns ós noivos.
21:00? Aperitivo.
22:00? Cea.
24:00? Baile e copas
??:??- Saida cara á Iguana

22:30- Hora do concerto
23:30? Comezo real do concerto


¡Sincronicemos os reloxos!

¡TJ ó tellado!

Xa vos contarei mañá en que quedou a cousa, pero semella que non encaixa todo ainda neste horario. Non vos preocupedes, ainda é só unha aproximación.

05 maio 2006

Bill Gates

Primeiro de todo, se os premios Nobel puideron seguir adiante depois de darlle a Kissinger o premio da paz, ós Principe de Asturias non lles vai pasar nada se lle dan o de cooperación internacional a Bill Gates.

Ainda así, a ver se fan o favor de non llo dar.
Se llo dan, alá eles, xa non lles vou á festa, que non chamen por min.

Se cadra penso isto porque estou manipulado por medios moi masivos como é o Chuza! ou grandes "lobbys" coma a AGNIX.

Se estades manipulados polos antimonopolistas inimigos das bondades do ultraliberalismo económico, se cadra desfrutaredes ca coña que fixo este rapaz, fan de La Hora Chanante. Non sei se o video é novo ou vello, atopeino hoxe no YouTube.

04 maio 2006

Sábado na Iguana

Este sábado á noite, en La Iguana Club, na rua Churruca en Vigo vai celebrarse a festa do I aniversario da revista DOT, copio:

Con el motivo su primer aniversario, la revista Dot, celebra con todos nosotros su fiesta de cumpleaños. Para ello han preparado una serie de actividades y conciertos totalmente gratuitos. En La Iguana estarán actuando Niño y Pistola, Manos de Topo, John Marvellous, Portrait y Öscar el próximo 6 de mayo.

No mesmo intre, (xa sei que con menos interese mediática) estará a casar o meu curmán.


Non lle vou faltar á voda, pero se vos fixades nas ligazóns que teño no costado, veredes que gustaríame estar tamén no concerto. Á marxe de que toquen varios amigos, teño tamén interese en coñecer ós que ainda non oín, nomeadamente a niño y pistola e a manos de topo (chegados desde Barcelona pero medio vigueses os seus integrantes).

03 maio 2006

Jiro Taniguchi

Tiña o bo costume, cando o Xastriño actualizaba o seu blogue de ler o que alí iba deixando, e tamén vin algún dos seus artigos no soportal de banda deseñada de cultura galega.

Un dos que me descubriu algo novo e interesante (as dúas cousas dende o meu punto de vista) foi o que falaba de Jiro Taniguchi. Despois Melo confirmou que era unha boa aposta e abofé que tiña razón.

Como podedes imaxinar, o ghicho é xaponés, pero si esperades que faga un manga do tipo de Bola de dragón ou Ranma 1/2, non ides acertar.


O que fai Jiro Taniguchi está dentro do que chaman nouvelle manga. Non vos podo dicir moito do nouvelle manga por que o único que lin da tal son cousas de Taniguchi. Pero ven sendo unha mestura da banda deseñada europea co manga.

Se non queredes perder tempo lendo todo o que deixo ligado, empezade pola ligazón ó artigo do Xastriño, mellor non o vou dicir eu. Se sodes afoutados e ides probar directamente recoméndovos comezar por "el almanaque de mi padre".

Para os que me coñezan en persoa, poden pedir o pouco que eu teño para probar.

02 maio 2006

Domingueiros

O domingo estiveron aquí varios amigos e aproveitamos o bo tempo para dar un paseo ate Santa Cruz, mesmo dimos unha volta ó redor do castelo.

Non andivera ainda por alí e foi un "estupendo paseo domingueiro".

Despois comemos ó lado mesmo da praia nun restaurante.

Falamos mil cousas, como fan os vellos amigos, de despedidas de solteiro, de nenos, de sexo, de calquera cousa...

Pero ós poucos a conversa foi centrandose no servizo do restaurante. Sentámonos ás tres menos vinte, tardaron bastante en nos server, pero estaba dentro do que eu atopo normal, as catro acabáramos co segundo prato e decidimos non tomar cafes nin sobremesas. Pedimos a conta.
Cando xa a pediramos tres veces, ás catro e media pasadas, levantámonos, entramos e pagamos na barra.
Se vai sol e pos unha terraza, fai favor e pon camareiros tamén. Non pode ser que os pobres homes andiveran a mil sen dar atendido á xente.

Despois de pagar (ainda non sei porque non marchamos sen pagar), fomos tomar un xelado á xeladería Colón (incrible o de iogur de plátano) e á Fundación Caixa Galicia á exposición de Diego Rivera.

O itinerario previsto fai unha visita por todo o edificio, que ainda é descoñecido para a meirande parte dos visitantes (nós tamén claro) e inclúe a subida no ascensor exterior, baixando despois pola escaleira.

Defraudoume un chisco, porque as salas parecéronme algo pequenas para as exposicións que tiñan dentro. se cadra é porque non teño moita idea.

Si que me gustou, como bo pailán, o paseo no ascensor, que ten unha porta na fronte (seica é para sair nun soto) e semella que vai abrir no pior momento.

Non llo recomendo ós que teñan moita vertixe. As exposicións si, que teñen que subir só catro pisos.

01 maio 2006

A simplificación como erro.

Comezo isto avisando que hoxe tentarei non ser simple de mais, pídovos apenas un pequeno esforzo.

Temos o costume, xa hai tempo, na cultura occidental-audiovisual, e nomeadamente na televisión, de simplificar todo, mesmo en exceso. Simplificar, moitas veces, por ir rápido de mais.

Esta simplificación herdouna a rede, ainda que tamén herdou parte da reflexión da prensa escrita, pero arestora tamén os xornais están infectados por esta doenza. Eu mesmo, fago sempre entradas moi curtas para non cansar ós visitantes, acostumados á brevidade.

Está ben a brevidade, pero ás veces é necesario alongar un pouco a explicación para que non se produza un erro de comprensión que desvirtue totalmente a mensaxe.

Esta mesma simplificación lévanos a dividir a xente e os feitos en categorias moi simples que (pensamos que) nos permiten abranguer o coñecemento.

O problema, é que o compañeiro de viaxe da simplificación é o prexuizo. Todo o que non coñecemos en profundidade reducímolo a tres tópicos mais ou menos axeitados, que co uso repetido nos medios de comunicación convírtense na realidade.

Un exemplo disto, que atopei no Chuza!, é a utilización do estudo sobre o blogomillo do grupo de Novos Medios da USC que fan en A Nosa Terra.
Non é o mellor exemplo, pero utilízoo porque está moi preto e será doado de entender por todos sen que eu teña que explicar nada antes. Ainda que o propio sería poñer un exemplo televisivo, moito mais abundantes.

Cando lin o estudo, que xa dixera no seu día que me gustou moito, decatárame que o universo do estudo non era o mellor desexable (ainda que fora o mellor posible). E xa daquela supuña que non se tería en conta ó utilizar o estudo por terceiros a diferenciación que despois estableceu Calidonia entre BlogoMILlo e BloG-ESfera. Non se pode culpar disto ós autores do estudo, que deixan ben clariño de que están a falar (ollade a imaxe), senon da simplificación por terceiros (á que me estou a referir eu). Sen mirar mais que ós resultados do estudo, dise que os blogues galegos son tal ou cual cousa, e teñen unha determinada ideoloxía, e escriben en galego, e tal. Esquecen totalmente que existe, maior ou menor unha BloG-ESfera. Abofé que está feito sen maldade, o problema ven, porque os medios de masas son a única vía de información de moita xente e se convirten na "realidade". E non especialmente neste pequeno erro que comete A Nosa Terra, senon na simplificación sistemática e total da televisión.

Non é desculpa que o faga o todo o mundo, a preguiza é mala compañeira de camiño. E estou incluíndome na lista dos culpables de simplificación.
Non digo que sexamos profesores universitarios todos, que a cousa non é para tanto, só que tentemos afondar un chisco mais.


Agora, cando eu faga o mesmo vanme quedar quentes as orellas. Seica falei de mais, ghe, ghe, ghe.

30 abril 2006

Partido en Riazor

Como xa saben os que me coñecen, non son "fuboleiro". Porén, son celtista.

Por iso, cando chegou o partido co Deportivo pregunteille a un coñecido se tiña sitio no seu palco para onte.

Xa saberedes que o partido rematou 0-2, o Celta, ainda que na primeira parte xogou bastante mal, tivo a sorte de cara e marchou para casa cos 3 puntos.

Eu quedei encantado co resultado e tamén ca experiencia do palco.
Ver o partido nun asento cómodo , cando eu estiven 10 anos de neno sentando no cimento en Balaidos, foi un bo cambio.
Tiña ós celtarras case enriba de min, e sentíame como na casa. Dicir que os deportivistas cos que vin o partido foron moi agarimosos (pouco se puideron meter comigo no medio tempo, que xa gañaba o Celta). Ainda así contivenme bastante, non celebrei os goles.

A sensación mais estrana, foi polo camiño ó estadio, só arrodeado de deportivistas, cas súas camisolas, non era medo, pero foi unha sensación rara, como de estar fora de lugar.

A segunda foto é do pasillo de entrada ós palcos, téñeno montado a todo trapo, con azafatas e todo. Mágoa que, o ano que ven xa ameazaron con non convidarme, seica non lles trouxen sorte. (sempre andan dicindo pro ano que ven, e chega outro ano e pasa tamén)
E coma sempre, o de sempre...

29 abril 2006

Equipa presidencial de rezo

As novas na rede móvense en ondas. Xa era sabido.
Onte, via IM, o amigo Voloi mandoume unha ligazón ó meneame (xa sabedes, como o Chuza! en castelán) para unha historia que falaba do Linux, esa ameaza para o Grande Imperio, xa traducida ó castelán. Hoxe, á mañá, antes ainda de que eu a traducira ó galego, atópoa no blogue Estrela Negra, (un choio menos para min).

Non penso que sexa un fraude, porque vendo a páxina do tal turned-off-brain-Shelley, atopo outra xoias similares. Non me vou parar no marabilloso comentario sobre sexo oral (Oral sex: Moral Decay) que ben lle chega, prefiro falárvos do rezo organizado.

Á fin, xa sabemos porque os EU son o maior imperio do mundo: A Equipa presidencial de rezo.

Nun pais tan relixioso coma os EU, non podían desbotar unha parte tan importante do seu potencial, e teñen organizado o rezo "Mobilizando millóns de americanos para rezar a cotio polo Presidente, os nosos Líderes, a Nazón e as nosas Forzas Armadas"

Mesmo teñen merchandising para apoiar a equipa, ainda que isto non é nada novo. A miña aboa trouxerame un ladrillo pequeniño no que se lía: en Fatima recei por ti.

Nesta fotografía podedes ver ó noso Líder Mundial. Semella que está a pedir desculpas, eles puxeron a foto como se estivera a rezar. A verdade, eu penso que esta foto é coma aquela de Fraga na que aparecía a durmir no Parlamento. ¡Moito descanso precisan os grandes líderes mundiais!


Mais nada, irmáns.
Que Deus vos bendiga, e tereivos presentes nas miñas oracións.

28 abril 2006

Indefensión

Esta é a imaxe da indefensión.

Unha imaxe, na rua, á vista de todo o que por alí pase.

Neste caso trátase dunha tenda de fotos en O Grove, que ten, coma tantas outras, o costume de expoñer o seu traballo.

¿Que culpa terá este rapaciño para que todo o mundo o poida ver?

Que o vexan na rede tanto terá, que ninguén o coñece. ¿Pero na súa vila?

Eu teño tamén algún recordatorio gardado na casa dos meus pais, sorrindo cun dente fanado, e fotos en Castrelos con cara de andar encabuxado. (Home, eu quería ir xogar cos amigos e tiña que estar facendo fotos. ¡Xa me diredes!)

Pero este neno, con esa pose de ...¿latin christian lover? ¿mariñeiro ligón? ¿precoz pederasta relixioso?

¡O que tal faria este rapaz noutra vida para merecer isto!

Voulle recomendar ó rapaciño unha ligazón.

27 abril 2006

Converxencia e competitividade.

Uns anos xa, levamos metidos na lea da converxencia co resto da Unión Europea. Decote se nos ven dicindo que os salarios non deben medrar do xeito que medra o IPC para non perxudicar á competitividade. Apélase ó compromiso dos traballadores co futuro do país

Todo isto estaría moi ben, mais...

A única competitividade que demostran os nosos políticos é no tema da corrupción, nomeadamente no exemplo de Marbella (por non vir mais preto).

Se eu dixera que algún politico é un corrupto sen ter probas, tería moitas probabilidades de ser xulgado (con razón, que para iso está o Estado de Dereito).
Se un diputado ou un senador dixera o mesmo de min, tería moitas probabilidades de non ser xulgado (con razón, para protexer a súa condición de voz do Pobo e a súa dignidade como tal).

¿Con razón? ¿Dignidade? ¿Voz do Pobo?

É demagóxico dicir que os políticos son todos uns chupóns.

Non é demagóxico dicir que O SENADO NON VALE PARA NADA.

Non é demagóxico dicir que CADA PESO GASTADO NO SOLDO DOS SENADORES É UN PESO ESTRAGADO.

¿Con que cara vai vir ningún senador do PSOE a pedir o voto nas vindeiras eleccións?

¿Que competitividade é esa de marchar do traballo para ir á casa para ver o futbol?

¿É demagóxico pedir unha sanción para eses informais?

Desculpade que me poña serio, pero, xusto antes da campaña da Renda, que estes chupóns fagan isto é unha chamada á insumisión fiscal.

Non importou o que votara a xente nas ultimas eleccións, na votación do Senado, onte algúns senadores do PSOE marcharon para casa e o PP gañou a votación. Como o Senado non vale nin para (poñede aquí o que queirades) todo se arranxará sen problemas no Congreso.

Repito, CADA PESO GASTADO NO SENADO ESTABA MELLOR GASTADO POR EXEMPLO EN PAGARLLE A CASA Ó PRINCIPE por dicir algo REALMENTE útil.

Xa está, tiña que dicilo.

26 abril 2006

Mais V

Eu tamén fun ver V esta fin de semán. Aproveitei que a pasaba en Vigo para ir ó cine, entre outros, con Turuto.

Gustoume. É certo que xa van moitos anos que lin a obra orixinal, (agora contarei cantos) pero polo que eu lembro, a mensaxe está mais preto do que eu agardaba dos Wachowski.

Lera V hai 15 anos, cando estaba estudando COU. E no mesmo ano tamén lin Watchmen. Fun beneficiario da "Beca Turuto para o desfrute da Banda Deseñada".

No entroido, como bos frikis, disfarzámonos de V. Estáme mal o dicilo, pero estaba bastante ben feito, ainda que a única imaxe existente non faga xustiza.


Puxemos o traxe dúas veces, pero á segunda volta, como xa sabian que eramos nos , puxemos por baixo este outro disfarce: o de Rorschach, a personaxe de Watchmen.

Algún dirá que somos moi frikis. Non llo vou negar, somos bastante esaxerados.

O pior, é que o traxe de V o levaba tamén outro que viña con nos, e non lle dixéramos que levábamos o de Rorschach debaixo. Si, tamén é verdade: somos un par de rabudos.

Houbo só unha persoa entre a xente que atopamos, unha rapaza, que recoñecera as persoaxes. E claro, soubo que os Rorschach eramos os mesmos que antes eramos V. ¡Case tan friki coma nos!

25 abril 2006

Чернобыль: Chernobil


Mañá fan 20 anos do accidente de Chernobil.

Non vou falar da enerxía nuclear, porque é un tema no que o meu descoñecemento podería encher océanos, pero quero lembrar ós herois de Chernobil.

Despois do 11 de setembro (o do 2001, non o do 1973) os medios americanos, e do resto do mundo, fixeron unha louvanza extrema dos bombeiros de Nova York. Tiñan razóns, eles e moita mais xente arriscou a súa vida desinteresadamente.



¿E os bombeiros de Chernobil? Poucas veces vin na televisión que se falara desta xente, e mais dos "liquidadores", a xente que limpou a zona e construíu o sarcófago. Dos bombeiros non veredes fotos actuais, morreron todos. Dos liquidadores, non sei se algún non ten cancro, moi sano non debeu ser facer ese traballo.

Seica non lles contaron o perigo real do que estaban a facer, (non lles contaron que iban morrer todos, vaia) pero supoño que saberían que era algo moi perigoso. Un deles contaba que sentira un gosto a metal e como unha chea de agullas na cara. Con menos diso, na marvel facían un superheroi. ¿Que faríades vos no seu caso? ¿Subiríades ó alto da central para tentar apagar o lume? A ninguén se lle pode obrigar a tanto sacrificio. (E pensade que esta xente con cría nunha vida alén da morte)

Esta foto pequena é dun monumento ás vitimas da traxedia.

Grândola

Hai xa moitos anos, un profesor, do que non teño moi clara a súa filiación ideolóxica, nunha clase de galego en 7º da EXB puxo, nun magnetofono, "Grândola, vila morena". Non foi un momento máxico, nin parvadas disas, pero si quedoume marcada a data e mais a canción. É o aquel que teñen as revolucións incruentas.

Durante un tempo, non preguntedes o porqué, dábame por cantar esa canción cando tiña que camiñar baixo a choiva. (Ollo, non cantaba antes de que comezara a chover, e cantaba baixiño, así que non era o culpable de que chovera). Supoño que poñerlle letra e música á democracia e á igualdade non é tan doado, se fora, todo o mundo podería facelo.

Grazas Zeca, onde esteas.

24 abril 2006

Creativos Comodóns


Podedes chamarlle se queredes homenaxe ou podedes chamarlle outra cousa, eu vou chamalo: CREATIVE COMMODONS que semella o Creative Commons pero non é o mesmo.

Fusilar así unha imaxe, sen atribución nengunha da idea orixinal, é bastante común na publicidad, pero é botarlle algo de cara. ¿Que opinades vos?

A imaxe publicitaria é da empresa Broker's Finance a outra, xa vedes que é da edición española dos Jovenes Titanes, non a sigo, así que non vos podo dar opinión dela, abofé Zeke poderá contarvos algo dela.

23 abril 2006

Extrarradio

Hoxe, viña no coche oíndo o Extrarradio e entereime do tremor.

Non me enterara porque esta noite paseina en Vigo, pero seica oiuse un estoupido coma un trebón.

Tamén contaron que houbo unha olimpiada de porcos en Moscova, e andiven na percura desta nova na rede pero non puiden atopala. Seica os xogos incluían carreiras a pe(zuño) e a nado e futbol (ca pelota mollada en aceite de peixe).

Non dixeron se os porcos tiñan que pasar control anti-dopaxe, mais si dixeron que os deporcotistas non serían destinados ó consumo humán.

¿Para cando as PorcOlimpiadas pasarán a ser de interese xeral?

Recomendovos que escoitedes Extrarradio se podedes, os sabados e domingos á mañá. É unha boa mostra da "nova" Radio Galega.
Comprendo ben ós que non a escoitan, pero se probades, penso que repetiredes. Hai novos programas, dos que me cadren a min (normalmente no coche) tamén aberto por reformas e as quimbambas.

Extrarradio está presentado por Belén Regueira, que lembraredes se seguíades o Chambo, e ultimamente andaba nos informativos da TVG. Entre os colaboradores habituais está Martin Pawley, que xa todos saberedes que levou o premio do periódico 20 minutos ó "mellor blogue nunha lingua constitucional distinta do castelán". No seu blogue comenta do programa deste sábado

22 abril 2006

Outra foto da meniña


Onte xa coñecín á miña nova sobriña Irene.

Deixo unha nova foto que lle fai mas xustiza. está ca súa irmá María, ainda que a difuminei para que non a paredes na rua.

É ainda mais bonita do que semella na foto. A outra non a vedes ben, pero tamén é. Teño que dicir o mesmo das outras dúas. Non as poño porque xa son maiores e teñen a súa vida.
(É tan dura a vida dos adolescentes)

21 abril 2006

o domingo é 23 de abril

Lembro, lendo o blogue de torredebabel, que o domingo é o dia do libro. Xa tamén avisaran Eva e Melo .

Os que me coñecen de mais lonxe, a miña familia, tíñanme de neno polo que chaman un rato de biblioteca. Foi se cadra a primeira manifestación da miña intensidade compulsiva (a ultima seica é este blogue).

Cando estaba a ler botábame días enteiros sen facer outra cousa, sen sair da casa. Sentaba polos sofás da casa, pasaba dun cuarto a outro tirábame no chan, deitábame na cama. Puña música, a quitaba. Queimaba as pestanas, pero mataba ó libro polo camiño. Se cadra é unha consecuencia da miña curiosidade: ¿que pasa despois? ¿como remata o tema? Tampouco o remate me chegaba, quedaba cunha saudade por perder a compaña do libro que matara, de aí me ven, supoño, o gusto polas series de libros, que rematan e voltan comezar.

Por isto, o día do libro, cos seus descontos nas librerías, era un día grande para min. Saía a rua e revolvía os anaqueis das librerías, sen falar con ninguén na percura dalgún tesouro agochado.

Este é un costume que perdín, pero seica esta fin de semán mercarei algo de Banda Deseñada en BD! a ver se volto ós vellos costumes.

A foto é unha parte da miña libraría adicada á banda deseñada.(moito medrou este ano)

Recomédovos, se non é o voso costume que lle fagades gasto ós libreiros que perden de descansar por vos vender algo de cultura. E lembrade que mercar nas librerías tradicionais favorece á pluralidade e a non concentración das canles de distribuzón. Só por poñer un exemplo, lembrade o que pasaba en Galicia na dictadura, e como os libro seguían chegando ó que estaba interesado, ainda que fora ás agachadas. (Pero isto é tema para outro día)


 
ecoestadistica.com